Pedimos ao goberno local que garanta o correcto funcionamento da depuradora do polígono de Bergondo

David Carro é o portavoz do BNG de Bergondo
David Carro é o portavoz do BNG de Bergondo

Desde o BNG pedimos ao concello que “deixe de malgastar cartos públicos en presentar recursos e que tome medidas para garantir o bo funcionamento da depuradora e así a calidade da auga do río Maior e da Ría”.

Pedimos ao goberno local que garanta o correcto funcionamento da depuradora do polígono de Bergondo

Bergondo, 24 de abril de 2018. O BNG pediu ao goberno local que actúe para garantir o correcto funcionamento da depuradora do polígono de Bergondo, despois de saber que o concello acaba de ser multado pola Xunta por deficiencias no seu funcionamento. “As queixas polo mal funcionamento desta depuradora lévanse producindo durante anos sen que o concello tomase medida ningunha para pórlle solución”, explicou o portavoz do BNG de Bergondo, David Carro. “Esta depuradora verte ao rio Maior e este á Ría na praia de Sada, despois sorprenderémonos cando as analíticas da auga das praias de Gandario ou Sada sexan malas como pasou os últimos 2 anos”, engadiu.

Desde o BNG pediron ao concello que “deixe de malgastar cartos públicos en presentar recursos e que tome medidas para garantir o bo funcionamento da depuradora e así a calidade da auga do río Maior e da Ría”.

“Esta depuradora ten problemas desde que se construíu porque non ten separación de pluviais e fecais e cando chove moito Lubre inúndase e o polígono tamén e a depuradora verte por fora porque non ten capacidade para tratar esa cantidade de auga. Esta situación leva sendo denunciada anos”, engadiu o portavoz do BNG, “isto é un problema ambiental moi importante e un problema para a veciñanza, ademais de cobrarnos por un servizo que non se está dando nas condicións que debera”, criticou.

“O Concello ten posibilidade de financiar as obras para separar as pluviais das fecais e garantir o correcto funcionamento da depuradora cos Plans de obras da Deputación ou reclamando a colaboración da Xunta. Desde logo a solución non pode ser negar o problema e pechar os ollos diante dunha situación que coñece toda a veciñanza”, reclamou Carro, “o goberno ten que tomar decisións e os socios do PSOE que criticaron esta situación durante anos non poden consentir que todo siga igual sen tomar ningunha decisión”.

Pedimos ao goberno local que garanta o correcto funcionamento da depuradora do polígono de Bergondo