MUNICIPAIS 2015

O BNG propón espazos de coworking para crear emprego en Bergondo

David Carro, portavoz do BNG-AA en Bergondo

O BNG-Asembleas Abertas de Bergondo ven de presentar as súas propostas para a creación de emprego no municipio.

O BNG propón espazos de coworking para crear emprego en Bergondo

Bergondo, 5 de maio de 2015. O BNG-Asembleas Abertas de Bergondo ven de presentar as súas propostas para a creación de emprego no municipio. "Bergondo é o concello coa taxa de desemprego máis alta da comarca, revertir esta situación proporcionando un traballo aos nosos veciños e veciñas para que poidan ter unha vida digna é a nosa principal preocupación" espuxo o candidato a alcaldía polo BNG-Asembleas Abertas David Carro.

Os nacionalistas avogan por crear un viveiro de empresas e espazos gratuitos de "coworking" ou cooperativas que recuperen oficios tradicionais como a elaboración de xabrón con aceite usado para facilitarlle os inicios a quen queira poñer en marcha un negocio. “Recuperar e mellorar Incoart como feira industrial e artesanal do concello é a forma de dar visibilidade a todas estas novas iniciativas”, explicou David Carro.

Ademais, desde BNG-Asembleas Abertas propoñen crear un banco de terras para poñer en contacto propietarios e persoas que queiran traballalas. “Para xenerar emprego no sector, ademais, defendemos reconvertir o mercado de horta nunha feira dándolle cabida a outros produtos”, explicou Carro.

"Proporcionar un traballo digno as nosas veciñas e veciños é prioritario, sobre todo, no concello coa maior taxa de desemprego da comarca"

O candidato nacionalista explicou que para poñer en marcha medidas específicas de estímulo para o comercio local crearán un banco de naves e locais baleiros para intermediar no seu aluguer. “A mellor forma de defender o pequeno comercio, ademais de facer campañas promocionais, é limitar a implantación de grandes superficies comerciais e facer que o Concello compre no comercio local”, asegurou o cabeza de lista de BNG-Asembleas Abertas.

Eliminar o vertedoiro que o goberno local creou no polígono

O BNG-Asembleas Abertas comprometeuse, ademais a dotar de maiores servizos o polígono industrial para facelo máis competitivo. “Consideramos que ter un vertedoiro de cascallos de obras municipais no medio do polígono non contribúe precisamente a facelo atractivo e crear emprego”, ironizou Carro Temprano. Os nacionalistas defenden eliminar este punto irregular de verquidos para que estes terreos públicos rindan un valor social á veciñanza.

Ademais, desde BNG-Asembleas Abertas propoñen organizar cursos formativos e obradoiros de emprego en especialidades con demanda na contorna (soldadura, ...). Neste sentido, David Carro asegurou que “substituíndo os servizos privatizados por persoal público formado polo propio Concello estaremos creando emprego de calidade no noso municipio”.

"A política de emprego foi inexistente na lexislatura que rematou, entre outras cousas porque o PSOE amosouse máis preocupado das empresas privadas que se lucran cos servizos municipais que do pobo” lamenta o candidato nacionalista. “Defendemos poñer a prioridade na nosa veciñanza e non en dar beneficio ás concesionarias", concluíu o candidato nacionalista.

O BNG propón espazos de coworking para crear emprego en Bergondo