O BNG anunciou unha iniciativa para pedir a colaboración da Xunta na solución do problema de inundacións no Polígono de Bergondo

Mercedes Queixas e David Carro na reunión coa comunidade de propietarios do Polígono
Mercedes Queixas e David Carro na reunión coa comunidade de propietarios do Polígono

A deputada nacionalista, Mercedes Queixas, e o portavoz do BNG de Bergondo, David Carro, reuníronse onte coa comunidade de propietarios do polígono de Bergondo 

O portavoz municipal do BNG denunciou o desinterese e abandono do goberno local diante deste problema e anunciou que trasladará de novo o tema ao Pleno municipal

O BNG anunciou unha iniciativa para pedir a colaboración da Xunta na solución do problema de inundacións no Polígono de Bergondo

Bergondo, 7 xullo de 2021.- O BNG anunciou unha iniciativa ao Parlamento para pedir a colaboración da Xunta na solución do problema de inundacións no Polígono de Bergondo. A deputada nacionalista, Mercedes Queixas, e o portavoz do BNG de Bergondo, David Carro, reuníronse onte coa comunidade de propietarios do polígono de Bergondo onde tomaron nota das súas necesidades, que se centraron nos problemas de saneamento e depuración que están provocando cada vez con máis frecuencia inundacións nas naves e importantes perdas.

“Trátase dun polígono moi importante, con entorno a 330 empresas e no que traballan persoas das comarcas da Coruña, as Mariñas e Ferrol e pensamos que non se pode manter esta situación de abandono, que pode poñer en risco pequenas empresas e postos de traballo”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas. “Esixiremos ao goberno galego que colabore co concello nesta obra moi importante para evitar, ademais episodios de vertidos, que acabarían no río Maior e na Ría”, engadiu a deputada do BNG. 

Desinterese por parte do goberno local

O portavoz municipal do BNG denunciou o desinterese e abandono do goberno local diante deste problema e anunciou que trasladará de novo o tema ao Pleno municipal. “O goberno local, coa escusa de que esta obra ten un custo que o concello non pode asumir en solitario, non está a actuar en absoluto nun tema coma o saneamento e abastecemento de auga que é de competencia municipal”, criticou David Carro. 

Ampliación do polígono e novos servizos

Ademais desde o BNG lembraron que levan anos propoñendo unha ampliación do polígono cun viveiro de empresas e centro de transformación da produción agraria da comarca no edificio do antigo LIGAL. “Segundo nos trasladaron os propietarios o polígono está neste momento totalmente ocupado e pensamos que sería bo valorar unha ampliación en lugar de ir espallando naves e pequenas zonas industriais no medio dos núcleos rurais do concello”, concluíu. 

Seguridade Viaria na N-VI

As nacionalistas aproveitaron a visita para lembrar que Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, xa presentara, nos pasados Orzamentos Xerais do Estado, emendas neste sentido -que foron rexeitadas pola coalición de goberno PSOE e UP- a pesar da necesidade de arranxo que precisa esta estrada. Neste sentido, tamén lembraron que se teñen rexistradas iniciativas na cámara baixa para mellorar a seguridade viaria na estrada N-VI e a pasarela peonil enfronte do centro de capacitación agraria, que afectaría ao polígono, polo transporte e as paradas de autobús.

O BNG anunciou unha iniciativa para pedir a colaboración da Xunta na solución do problema de inundacións no Polígono de Bergondo