O BNG presentou alegacións ao proxecto de ordenación forestal do Monte da Carballoa en Aranga

Monte da Carballoa
Monte da Carballoa

O proxecto prioriza o beneficio económico para a empresa promotora sobre o interese público, a función social e a multifuncionalidade. Pretende sacar un rendemento económico ás súas propiedades nas Brañas do Deo sexa como sexa, mesmo a costa do patrimonio natural de toda a veciñanza

O terreo proposto forma parte da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, afecta directamente ás Brañas do Deo, propostas para a ampliación da Rede Natura, ademais na zona proposta atópanse varios hábitats de interese comunitario

O BNG presentou alegacións ao proxecto de ordenación forestal do Monte da Carballoa en Aranga

Aranga, 8 de xullo de 2021.- O BNG presentou alegacións ao proxecto de ordenación forestal do Monte da Carballoa, que proxecta dedicar 98,3 hectáreas á plantación de eucalipto nitens nas inmediacións das Brañas do Deo. “O proxecto recolle unha proposta de ordenación para 120 hectáreas na parroquia de Vilarraso”, explicou o portavoz do BNG de Aranga, Carlos Díaz. 

“O terreo proposto forma parte da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, afecta directamente ás Brañas do Deo, propostas para a ampliación da Rede Natura, ademais na zona proposta atópanse varios hábitats de interese comunitario”, indicou Díaz. 

“Na proposta de ordenación o ámbito destinado a usos madeireiros ocuparía unha superficie de 98,3 hectáreas e o sector que denomina “protector”, 20,6 has. O uso madeireiro sería fundamentalmente a plantación de Eucalipto Nitens para triturar e posíbel aproveitamento dos restos para biomasa”, informou o portavoz do BNG. 

“Mentres esta proposta defende unha ordenación multifuncional do monte compatíbel coa protección do medio natural, vemos que a ordenación suxire o contrario, un uso maioritario para a plantación de eucalipto mentres se reservan só as beiras dos rios e regatos para especies de ribeira autóctonas”, criticou Carlos Díaz. 

“O proxecto prioriza o beneficio económico para a empresa promotora sobre o interese público, a función social e a multifuncionalidade que recolle a Lei de Montes”, engadiu o portavoz nacionalista. “O empresario pretende sacar un rendemento económico ás súas propiedades nas Brañas do Deo sexa como sexa, mesmo a costa do patrimonio natural de toda a veciñanza”, afirman desde o BNG.

“O proxecto presentado onte é moi bo para o señor Collazo, pero é moi negativo para Aranga. O monocultivo de eucalipto en 120 hectáreas dunha reserva natural e importante reserva de auga para as traídas veciñais prexudican á maioría da xente de Aranga”, conclúe Díaz.  

Impacto visual nunha zona afectada polos Parques Eólicos do Monte do Gato

 

Este proxecto vai ter un importante impacto visual, nunha zona onde xa se están tramitando autorizacións para a instalación de 6 parques eólicos, dous deles en terreos do mesmo propietario que promove este proxecto, PE Fontella e PE Penas Boas. Non existe un estudo conxunto das sinerxías e do impacto visual conxunto que estes proxectos van ter nunha zona onde xa existen minas a ceo aberto e liñas de alta tensión que teñen un importante impacto sobre a paisaxe.

O BNG presentou alegacións ao proxecto de ordenación forestal do Monte da Carballoa en Aranga