Demandamos que o goberno local de Aranga abandone o proxecto de estragar as Brañas do Deo

Carlos Díaz é o portavoz do BNG en Aranga

O BNG demandou que se retire o proxecto, impulsado por Independientes por Aranga, para retirar a proteción ambiental ao 9% do total da superficie do municipio.Os nacionalistas propoñen que a estrutura abandonada de Montesalgueiro complemente a este espazo natural de grande valor, destinándoo a museo etnográfico

Demandamos que o goberno local de Aranga abandone o proxecto de estragar as Brañas do Deo

Aranga, 9 de xuño de 2018. O BNG demandou que se retire o proxecto, impulsado por Independientes por Aranga, para retirar a proteción ambiental ao 9% do total da superficie do municipio. “O progreso económico non vai chegar por renunciar a protexer o noso patrimonio natural” advertiu Carlos Díaz, voceiro do BNG en Aranga, que recorda que entre as zonas que PP e Independentes queren destinar a monocultivo de eucalipto están as Brañas do Deo.

Este espazo é un espazo de alto valor ecolóxico que posto en valor, a dicir do BNG, “aportaría moito máis a Aranga ao longo de todo o ano, desde o punto de vista ambiental, social e económico, que a corta dos eucaliptos dentro de doce anos”. “Aranga precisa ideas novas, un proxecto claro e confianza nos recursos do concello, non un equipo que se deixa levar e vai acabando co concello”, engade o voceiro nacionalista.

Neste sentido, o BNG defende que a estrutura abandonada de Montesalgueiro complemente a este espazo natural de grande valor, destinándoo a museo etnográfico. “Podería funcionar como un referente e grande activo turístico para o municipio” sinala Díaz.

Censura ao segredo sobre as negociacións en Montesalgueiro

O BNG censurou o secretismo con que o goberno local levou adiante as negociacións sobre o polígono de Montesalgueiro. “Nin a convocatoria nin a acta da xuntanza na que se tratou o asunto foron publicados, nunha nova mostra de opacidade do goberno de Alberto Platas”, censurou o voceiro do BNG, Carlos Díaz.

“Esperamos que os propietarios cumpran os seus compromisos,  sobre todo porque no seu momento xa resultaron beneficiados pola modificación do PXOM” indicou o responsable nacionalista. “Desde logo, o BNG vai vixiar e demandamos ao alcalde que faga o mesmo, que non dependa da oposición controlar que se cumplen os compromisos”, concluíu.

Demandamos que o goberno local de Aranga abandone o proxecto de estragar as Brañas do Deo