Votamos en contra do orzamento para o Coirós proposto polo goberno local do PP

BNG, Coirós
11-novembro-2018
Pura Ferreño é a portavoz do BNG en Coirós

“É un orzamento clientelar como vemos na xestión das subvencións. Non existe orde de subvencións, senón que se reparte todo ‘a dedo’ mediante subvencións nominativas. O máis importante é a falta de investimento e de proxecto político que demostra un orzamento sen ningunha proposta concreta para mellorar o nosos concello”.

Votamos en contra do orzamento para o Coirós proposto polo goberno local do PP

Coirós, 27 de novembro de 2018. O BNG votou onte en contra do orzamento para o Coirós proposto polo goberno local do PP. “É un orzamento totalmente opaco e escurantista, o gasto máis importante do orzamento vai na partida de outros gastos diversos na que se reservan 230 mil euros dun orzamento total de 1 507 000 euros”, explicou a portavoz do BNG, Pura Ferreño. O gasto en empresas privadas, é dicir os servizos privatizados, é de 215 000 euros que “no total dun orzamento de 1 507 mil chégalle moito”, engadiu a portavoz nacionalista. 

“É un orzamento clientelar como vemos na xestión das subvencións. Non existe orde de subvencións, senón que se reparte todo ‘a dedo’ mediante subvencións nominativas, un total de 16850 euros. Ademais o alcalde reserva 6000 euros para repartir el a quen considere, proceder que ademais de ser unha forma de controlar os movementos sociais -se queres subvención con cartos públicos tesllo que pedir personalísimamente ao alcalde que despois fai un acto público para que se vexa que as da el- vai totalmente en contra da lei de subvencións de Galiza”, criticou a portavoz nacionalista.

No anexo de investimentos limítanse aos Plans da Deputación a achega da Deputación do ano que ven e a que lle quedou sen gastar deste. “Nin sequera hai unha previsión de en que se vai investir senón que remite a un Pleno posterior. Non hai un plan de investimentos, nin un estudo das necesidades só improvisación”, indicou Pura Ferreño.

“A memoria do alcalde no primeiro parágrafo afirma que ‘O proxecto de orzamento para 2019 é un proxecto de aforro e mantemento de tódolos servizos que se veñen prestando ata o momento, con especial atención aos servizos sociais e culturais’. Mais no orzamento non hai sequera un programa relacionado con cultura, nin promoción cultural, nin equipamentos culturais... nada! Por certo, tampouco hai programa de deportes, nin transporte, nin crédito ningún para o transporte metropolitano, a pesar de que fora aprobado polo Pleno solicitar a adhesión”, explicou.

Para a portavoz nacionalista “o máis importante é a falta de investimento e de proxecto político que demostra un orzamento sen ningunha proposta concreta para mellorar o nosos concello”.

Bolsas sen aplicar criterios de renda

Nas bases das bolsas e de nacemento son cantidades planas en lugar de en función da renda. “Hai 3 anos dixeran que ían ten en conta a nosa proposta de adxudicalas en función da renda pero non o fixeron. O problema é que se a filla de Amancio Ortega vivise a Coirós cobraría o mesmo polas bolsas do Concello que unha persoa desempregada. E isto non nos parece xusto”, informou Pura Ferreño. “Tampouco aparecen criterios de renda nas bolsas de transporte para estudantes e nas de libros de texto é certo que da prioridade segundo a situación familiar pero a cantidade unha vez concedida tamén é a mesma e non se diferencia por renda”. 

Votamos en contra do orzamento para o Coirós proposto polo goberno local do PP