Stonewall mais ca nunca

Máis que nunca nada está conseguido, o camiño aínda é longo xa que estamos notando o aumento das agresións a membros do colectivo. Tamén temos presentes nesta proposta de apoio ás persoas que viven no medio rural e que non lles é tan doado coma no medio urbano, vivir libremente a súa orientación sexual

Stonewall mais ca nunca
Blan García Roel
Blan García Roel

Aló polo 28 de xuño de 1969 iniciase no estado de Nova York a denominada “Revolta de Stonewall”, manifestacións espontáneas e violentas entre unha serie de xente que buscaba expresar abertamente a súa orientación sexual e a policía que constantemente asoballaba os locais onde se xuntaban lesbianas, gais, bisexuais e transexuais.

Esta revolta que se espallou como as charamuscas ao longo de todo o mundo occidental sería o xermolo dos actuais movementos LGTBIQ+ grazas aos cales se foron gañando dereitos que antes lle eran negados ao colectivo (lembremos os campos de concentración franquistas para homosexuais que había en Extremadura e nas Canarias). Feito fundamental, mais non o final do camiño na loita, foi a aprobación da lei de “matrimonio entre persoas do mesmo sexo” o 3 de xullo de 2005.

Dentro deste contexto está Galiza que se ergue con identidade propia na cultura LGTBIQ+ e preséntase como un referente histórico na “tolerancia social da homosexualidade”. Non é casualidade que sexa nesta terra que aló polo ano 1061 teñamos o primeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo en Rairíz de Veiga (Pedro Díaz e Muño Vandilaz).

Tamén temos as “Cantigas” medievais como testemuño do amor entre persoas do mesmo sexo ou xa máis para acó no 8 de xullo de 1901 o matrimonio oficiado pola igrexa entre Marcela e Elisa, mulleres bravas da Coruña, que loitaron contra unha sociedade que quería impedir o seu amor.

En todo este contexto de consecución de dereitos – que suman e non restan - estivo sempre presente o BNG ao carón do colectivo LGTBIQ+.

É por todo o anterior e tamén tendo presente que a situación creada pola COVID-19 limita a visibilidade que nestas datas sempre tivo a comunidade LGTBIQ+, que pensamos que é importante facer visíbeis tamén desde os concellos ás reivindicacións do colectivo LGTBIQ+ na liña do que veñen facendo outras institucións públicas como a Deputación da Coruña, co programa “Liberdade de ser e sentir”, da área de igualdade.

Máis que nunca nada está conseguido, o camiño aínda é longo xa que estamos notando o aumento das agresións a membros do colectivo. Tamén temos presentes nesta proposta de apoio ás persoas que viven no medio rural e que non lles é tan doado coma no medio urbano, vivir libremente a súa orientación sexual.

Queremos unha sociedade respectuosa que abrace a diversidade e que se afaste do odio.

Stonewall mais ca nunca