Imprimir

Sergio Boado será o candidato do BNG á alcaldía de Irixoa

bngasmarinhas | 12 de Outubro de 2018

Sergio Boado, candidato á alcaldía con Rosa Rivas e Adrián Laxe, do grupo do BNG de Irixoa
Sergio Boado, candidato á alcaldía con Rosa Rivas e Adrián Laxe, do grupo do BNG de Irixoa

“Nós somos a parte máis activa do noso concello e da comarca, cremos que temos moitísimas posibilidades e temos proxectos para dar vida ao noso concello porque nos estamos orgullosos do País e dos sectores produtivos”

Irixoa, 11 de outubro de 2018. O BNG presentou hoxe o seu candidato á alcaldía de Irixoa para as eleccións municipais do vindeiro ano. Trátase de Sergio Boado Seoane, propietario dunha granxa dedicada agrogandeiría ecolóxica situada en Lousada da parroquia dos Altos de Verís, onde vive actualmente.

O BNG de Irixoa elixiu a Sergio por unanimidade como novo cabeza de lista, nun proceso de renovación despois de 3 lexislaturas nas que encabezou Rosa Rivas, actual concelleira nacionalista. O novo candidato aproveitou para agradecer o traballo e dedicación da súa anterior candidata, Rosa Rivas, que decide dar un paso atrás motivado por condicionantes persoais e laborais. A Sergio acompañarano na candidatura a actual concelleira Rosa Rivas, Adrián Laxe, gandeiro e propietario dunha explotación en Mantaras ou Loli Rodríguez.

“Presentámonos con ganas e ilusión para rematar cun goberno do Partido Popular que non cre no rural deste País e que está deixando esmorecer o noso concello, do mesmo modo que todos os concellos rurais da comarca, por falta de proxectos e de crer nas nosas posibilidades”, explicou Sergio Boado. “Nós somos a parte máis activa do noso concello e da comarca, cremos que temos moitísimas posibilidades e temos proxectos para dar vida ao noso concello porque nos estamos orgullosos do País e dos sectores produtivos”, engadiu.

Desde o BNG convidaron a toda a veciñanza a sumarse ao seu grupo de traballo que con ilusión e propostas concretas propón un cambio real para o concello. “No BNG temos un modelo de concello, que está comprobado alí onde gobernamos que funciona e que sabemos que é o cambio que Irixoa precisa, para deixar de ser un concello do rural que perde poboación e carece de servizos e pasar a ser un concello dinámico e con proxectos novidosos”, afirmou. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/irixoa/sergio-boado-sera-candidato-do-bng-alcaldia-irixoa/20181012110407002197.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego das Mariñas

Bloque Nacionalista Galego 

Travesía da Torre, 2, 1º

(15300) Betanzos

Correo electrónico: marinhas@bng.gal

Teléfono : 981776466