Rendimos homenaxe ás vítimas da foxa de Vilarraso

Foxa
Foxa

O BNG de Aranga depositou hoxe flores encima da foxa común no cemiterio parroquial de Vilarraso. A data escollida non é casual, pois coincide co aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda, conmemorado no ‘Día da Galiza Mártir’. 

Rendimos homenaxe ás vítimas da foxa de Vilarraso

Aranga, 17 de agosto. O BNG de Aranga depositou hoxe flores encima da foxa común no cemiterio parroquial de Vilarraso. A data escollida non é casual, pois coincide co aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda, conmemorado no ‘Día da Galiza Mártir’. “Hoxe quixemos recordar que temos en Vilarraso unha das maiores foxas comúns de toda o País, aínda sen escavar”, declarou o responsábel do BNG en Aranga, Carlos Díaz.

No BNG de Aranga móstranse convencidos de que iniciativas coma esta terán aínda máis sentido se se aproba no Parlamento a Lei galega de memoria histórica, impulsada polo grupo do BNG. “Esta lei permitiría non só inicio das escavacións en Vilarraso, senón brindar ás familias das vítimas recoñecemento e reparación moral, xurídica e económica. E para aprobar a lei precisamos do apoio claro do PP”, afirmou o portavoz nacionalista.

Pero ter memoria histórica “non é só levar unhas flores nunha foxa aínda sen escavar, senón identificar a todas as vítimas e darlles un enterro digno a estas persoas. O mesmo que un querería para si ou para a súa familia”, declarou o portavoz nacionalista Carlos Díaz.

“Pretendemos”, conclúe Díaz, “que esta homenaxe teña continuidade no futuro, porque no BNG reivindicamos memoria e xustiza para todas as vítimas da represión franquista”.

Rendimos homenaxe ás vítimas da foxa de Vilarraso