Propuxemos a creación dunha bolsa municipal de vivenda valeira

Carlos Díaz é o portavoz do BNG en Aranga

Queremos ofertar desde o concello unha bolsa de vivenda valeira, que facilite o contacto entre caseiros e potenciais inquilinos, co obxectivo de que Aranga fixe e recupere poboación. Este servizo achegará unha listaxe onde se poidan consultar todas as vivendas dispoñibles no concello, de maneira que sexa máis sinxelo para os interesados atopar un aloxamento”.

Propuxemos a creación dunha bolsa municipal de vivenda valeira

Aranga, 10 de decembro. O BNG de Aranga, sen representación na corporación municipal, propón a creación dunha bolsa de vivenda valeira. A intención desta iniciativa é crear unha listaxe pública que amose as vivendas dispoñibles para venda ou alugueiro. Segundo o grupo nacionalista, este servizo facilitará o asentamento de poboación en Aranga, ao mesmo tempo que fará máis sinxelo para os propietarios de inmobles a percepción de novas rendas e a posta en valor das súas propiedades, todo isto “cun mínimo traballo para o goberno local, que só tería que xestionar o banco de dados”, asegura o portavoz nacionalista Carlos Díaz.

Actuar xa contra o despoboamento

Desde o BNG falan da necesidade de “facer algo xa” contra o declive demográfico do Concello. E traen algúns datos: segundo as últimas estatísticas dispoñibles no IGE, no ano 2011 había xa no noso concello 111 vivendas baleiras, é dicir, o 10% del total, que eran na altura 1.110. Os nacionalistas calculan que a porcentaxe de vivendas baleiras debe ser “sen dúbida maior”, habida conta, din, “do descenso demográfico constante rexistrado no concello desde 2011, cando había Aranga 2070 persoas censadas; hoxe debemos andar polos escasos 1900 habitantes”, afirma o responsábel nacionalista, Carlos Díaz.

Desde o BNG entenden daquela un labor urxente frear o despoboamento e para iso propoñen medidas como a bolsa de vivendas para atraer poboación que busque primeira ou segunda vivenda en Aranga. Os nacionalistas rexeitan a necesidade de aumentar o solo urbanizable, “dada a grande cantidade de vivenda baleira, iso só contribuiría a aumentar o problema, non a solucionalo”, afirma Díaz.

Unha proposta sinxela, pero efectiva

A proposta é simple: unha bolsa que funcione como un servizo de mediación, para facilitar o contacto entre caseiros e potenciais inquilinos, co obxectivo de que Aranga fixe e recupere poboación e aclaran: en ningún caso se trata de que o Concello funcione como una inmobiliaria.

Non, é iso: o servizo limitarase a elaborar un catálogo, unha iistaxe de consulta pública, aberta, onde figuren as vivendas vacías e/ou dispoñibles para alugueiro ou venda. O Concello contactaría cos propietarios/as de esas casas vacías interesados en incluír os seus inmobles na bolsa de vivenda, sen que iso lles supoña ningún custo ou cesión da súa propiedade”, aclara o responsable nacionalista. "Os acordos de alugueiro desenvolveríanse de xeito totalmente privado entre caseiros e arrendadores e respectando escrupulosamente a Lei de protección de dados”.

Este servizo”, explica desde o BNG, “organizaría o banco de datos, onde se poderían consultar todas as vivendas dispoñibles no municipio, de maneira que sexa mais sinxelo para os interesados atopar un aloxamento”

Aranga, un reclamo polo seu patrimonio natural

Para o BNG, o servizo podería servir de reclamo para captar novos e novas veciñas, convencidos como están do potencial da paisaxe de Aranga, máis cando existe un certo número de persoas “neorrurais” que buscan un terreo onde cultivar unha pequena horta ou simplemente ter un lugar de descanso para o seu lecer. "Hai que promocionar a rehabilitación do rural, apoiando a compra ou o alugueiro, segundo as preferencias do propietario ou propietaria, para frear o despoboamento das nosas parroquias", aclara Díaz.

O servizo, en definitiva, busca dar publicidade ás vivendas vacías da localidade, mais tamén a de facilitar a recuperación demográfica de Aranga. Para Díaz, “o goberno local do PP debería moverse máis para revitalizar o municipio e non caer na inercia e no fatalismo. Estamos convencidos de compete ao goberno local un papel activo tamén en cuestiones económicas, servindo de catalizador ou de facilitador de moitas cuestións que non se porían en marcha sen a axuda e asistencia”, concluiu Díaz.

Propuxemos a creación dunha bolsa municipal de vivenda valeira