Pedimos no Parlamento unha rectificación a orde de axuda para os danos provocados polo xabaril

encontro Mini 1
Imaxe do encontro do deputado no Parlamento "Mini" Rivas, con representantes do sector e membros do BNG da comarca

O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento de Galiza para instar ao goberno galego a refacer a orde de indemnizacións por danos do xabaril para que teñan en conta a situación dos agricultores que a norma exclúe, a maioría dos agricultores profesionais do País

Pedimos no Parlamento unha rectificación a orde de axuda para os danos provocados polo xabaril

Betanzos, 16 de xaneiro de 2019. O BNG rexistrou no Parlamento unha iniciativa para pedir ao goberno que rectifique a orde de axuda para os danos provocados polo xabaril. Despois de manter a pasada semana unha xuntanza cunha representación dos produtores de horta das Mariñas, que transmitiron o seu malestar pola Orde de axudas da Xunta para indemnizar polos danos ocasionados nos cultivos polo xabaril. No encontro participaron o deputado Xosé Luis Rivas “Mini” e os voceiros do BNG en Betanzos e Irixoa, Henrique del Río e Sergio Boado, respectivamente.

Os produtores de horta manifestaron aos representantes nacionalistas o seu malestar porque “un dos requisitos de baremación para as explotacións agrarias é o número de hectáreas que teñen declaradas na PAC, cando as explotacións de horta convencional non temos ningunha axuda da PAC”. Neste sentido, explicaron que “as axudas oriéntanse a produtores perceptores da PAC e a producións de autoconsumo, pero deixan fóra ás explotacións profesionais de horta como a nosa”.

Ademais, denunciaron que hai numerosos cultivos habituais de horta que non entran nas indemnizacións aprobadas pola Xunta, coma xudía, acelgas, espinacas, pirixel ou amorodos. “E tampouco se cobren os danos en instalacións, coma invernadoiros ou mallas” denunciaron. Esta situación repercute en perdas e podería desembocar en que a curto prazo poida chegarse ao peche de explotacións.

Neste sentido, aseguran que os 1650 euros como contía máxima que abona a Xunta como indemnización polos danos do xabaril é insuficiente. “Nunha parcela plantada de allo porro tiñan plantados 60 000 pés, que custaran, só na planta, 3000 euros, aos que hai que sumar os 2780 euros que custa preparar o terreo e a man de obra da plantación” explica o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Só en gastos, vaise case 6000 euros, e hai que sumar o 4% de penalización que a distribuidora que ía comprar a produción aplicou por non entregar o produto segundo conviñeran”, explica a modo de exemplo.

Ademais, Xosé Luis Rivas, lembrou a dificultade para comunicar os danos á administración, sobre todo para as persoas maiores. “Hai que chamar ao 012, onde salta un sistema automático que é desesperante, obrigándote a falar cunha máquina varios minutos”, explicou. “A maioría colga deixándoo por imposíbel, e logo ademais está a obriga de comunicar o dano en 72 h como máximo, algo inviábel se tes varias fincas separadas que non visitas para traballar a diario”, relata.

Importancia da produción de horta nas Mariñas

O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento de Galiza para instar ao goberno galego a refacer a orde de indemnizacións por danos do xabaril para que teñan en conta a situación dos agricultores que a norma exclúe, a maioría dos agricultores profesionais do País. “Só en Betanzos hai un total de 240 explotacións de horta, e constan sete explotacións agrarias de horta ao aire libre e dúas a cuberto” indican os nacionalistas para dimensionar o problema na comarca.

As explotacións de horta son as grandes esquecidas do goberno galego e teñen unha importancia enorme na economía do rural do País, especialmente en comarcas como As Mariñas. “O goberno ten que empezar a valorar a produción de horta e prestar atención ás súas necesidades e propostas. Non é de recibo que o PP siga actuando de costas aos produtores e sen contar coa súa opinión”, concluíu o deputado nacionalista. 

Pedimos no Parlamento unha rectificación a orde de axuda para os danos provocados polo xabaril