Pedimos ao goberno que faga pública toda a información referente ao Plan Xeral de Bergondo

Imaxe da ordenación proposta polo PXOM na praia de Gandarío

O BNG pediu ao goberno local que faga pública toda a información referente ao Plan Xeral, incluída a proposta de ordenanzas que regulará cada tipo de solo que actualmente aínda non están colgadas na web. Os nacionalistas cualificaron de ‘desmesurada’ a previsión de 2800 novas vivendas que o goberno local ven de facer pública.

Pedimos ao goberno que faga pública toda a información referente ao Plan Xeral de Bergondo

Bergondo, 14 de setembro de 2017. O BNG pediu ao goberno local que faga pública toda a información referente ao Plan Xeral, incluída a proposta de ordenanzas que regulará cada tipo de solo que actualmente aínda non están colgadas na web. “O luns despois da asemblea veciñal colgaron por fin os planos da ordenación que propoñen pero seguen se facer públicas as ordenanzas que o van regular que é fundamental para saber que se vai poder facer en cada tipo de solo. Sen ver as ordenanzas non podemos saber que edificabilidade nin tipoloxía van permitir no solo urbano consolidado ou en núcleo rural”, explicou o portavoz do BNG, David Carro. “Non nos parece de recibo que se faga propaganda dun proceso participativo mentres se van facendo públicos os documentos ‘por capítulos’, para poder participar o primeiro é ter acceso á información”, engadiu Carro.

O BNG criticou o desmesurado aumento no número de vivendas

O portavoz nacionalista cualificou ademais de ‘desmesurada’ a previsión de 2800 novas vivendas que o goberno local ven de facer pública. “O noso concello ten un total segundo os últimos datos do IGE do ano 2014 de 4015 vivendas, das cales 418 están baleiras. Un incremento de 2800 suporía un incremento de máis do 50% das actuais edificacións”.

“Como admiten na propia memoria de información o noso concello, está perdendo poboación e todas as proxeccións son de decrecemento. No ano 2010 tiñamos 6758 habitantes, que se converteron en 6702 no 2014 e en 6656 no pasado ano 2016. Non entendemos para quen se vai construír un 50% máis de vivenda da que xa existe”, criticou o portavoz nacionalista.

“Para que nos fagamos unha idea das dimensións do Plan, o PXOM de Abegondo que acaba de ser anulado polo Tribunal Supremo por prever un incremento inxustificado do número de vivendas, prevía 2600 vivendas novas cando agora ten un total de 3085, isto sería un total de 164 novas vivendas por cada ano de vixencia do Plan. No caso do PXOM previsto para Bergondo serían 175 vivendas por ano nunha vixencia de 16 anos, é totalmente desmesurado máis cando o goberno local admite que vai haber un decrecemento da poboación e cando fixeron público que era un Plan sostíbel e que supuña un cambio de modelo que pouco ou nada ten que ver co que agora fan público”, engadiu Carro.

Desde o BNG anunciaron que solicitarán por escrito que se colgue na web e se faga público o Plan Xeral completo para que os diferentes grupos políticos, colectivos e veciñanza poidan coñecelo e opinar dos datos e non da “propaganda” do goberno local. 

Pedimos ao goberno que faga pública toda a información referente ao Plan Xeral de Bergondo