Homenaxe a José Varela Bouza "Pepe o Lobo" e a súa familia, vítimas da barbarie franquista

Convite memoria histórica Miño
Convite memoria histórica Miño

A homenaxe realizarase o próximo xoves 25 no local social da Rúa en Miño. Consistirá na proxección do documental "Prohibido recordar. Cárcel de Saturrarán" ás 19.00 h e ás 20.00h Rosario Regueira Cereijo presentará "Cando pasou o que pasou". Na homenaxe participará o deputado do BNG e activista da memoria histórica, Luís Bará.

Homenaxe a José Varela Bouza "Pepe o Lobo" e a súa familia, vítimas da barbarie franquista

Miño, 23 de xaneiro de 2018. O BNG de Miño homenaxea ao mariñeiro antifascista, José Varela Bouza "Pepe o Lobo", e a súa familia, vítimas da barbarie franquista. A homenaxe realizarase o próximo xoves 25 no local social da Rúa en Miño. Consistirá na proxección do documental "Prohibido recordar. Cárcel de Saturrarán" ás 19.00 h e ás 20.00h Rosario Regueira Cereijo presentará "Cando pasou o que pasou", unha novela escrita a partir do testemuño de Miguel Roig Varela, sobriño de Pepe o Lobo. Regueira realiza unha panorámica do Miño republicano e a posterior represión franquista, centrándose especialmente na persecución que sofreu a familia Varela Bouza. Na homenaxe participará o deputado do BNG e activista da memoria histórica, Luís Bará.

José Varela Bouza "Pepe o Lobo" naceu en Río Bañobre, Perbes, en 1910. Esta mariñeiro miñense estaba afiliado á CNT e a PC. É condenado a morte, mais consegue fuxir do Castelo de Santo Antón o 28 de xaneiro de 1938. Chega a nado até Oleiros e despois regresa a Miño. Agóchase xunto con José María Blanco Barros "Violín" e Francisco Rodríguez Maroño "Xorcar" no estaleiro de ribeira de Campos na foz do río Baxoi. Porén, son descubertos por unha partida de falanxista e garda civís que acaban coas súas vidas. Oitenta anos despois aínda non se sabe onde está o seu cadáver. José Varela Bouza deixaba dous fillos, un de 5 anos e outro de 1 ano.

A súa familia foi devastada polo franquismo. Manuela López Cabana, a súa muller, foi encarcerada na prisión de Saturrarán. Á saída exíliase ao Brasil. Amelia Varela Bouza, a súa irmá, nun primeiro momento agóchase en Irixoa co socialista Manuel Tenreiro, mais axiña son detidos. O concelleiro miñense será fusilado no Castelo de San Filipe. Ela será encerrada en Saturrarán. Por último, Juan Varela Bouza, o irmán máis novo, consegue fuxir de Miño a Rochefort na lancha "Golondrina" xunto con dez demócratas máis.

Homenaxe a José Varela Bouza "Pepe o Lobo" e a súa familia, vítimas da barbarie franquista