Denunciamos que o alcalde non defende o patrimonio e Concello de Coirós diante do proxecto de paseo aos Caneiros

“Algunhas das partes máis conflitivas desde o punto de vista ambiental deste proxecto, como a escollera ou o recheo da beira dun camiño público están en Coirós”

“Aínda que o PP pasase o rolo e se negara a debater esta moción, Betanzos non pode contratar obras en Coirós”

O BNG respalda a charla informativa e o roteiro reivindicativo organizado por dez entidades sociais da comarca e chama á participación

Denunciamos que o alcalde non defende o patrimonio e Concello de Coirós diante do proxecto de paseo aos Caneiros

Coirós, 17 de xaneiro de 2017. O BNG presentou de urxencia unha moción no Pleno do pasado xoves para demandar do alcalde “que faga pública toda a información que o Concello dispón sobre o paseo cara Os Caneiros que sacou a contratación o Concello de Betanzos”. As concelleiras do BNG en Coirós, Pura Ferreño e Sonia López, explicaban na proposta que “tanto o remate como boa parte do trazado deste carreiro discorren polo término municipal de Coirós”.

“O Concello de Betanzos non pode actuar como unha Administración Pública licitando contratos de obra pública no Concello de Coirós” explica a voceira nacionalista, Pura Ferreño. Por este motivo, propuñan que o Pleno de Coirós instase ao alcalde a actuar “en defensa do patrimonio natural do noso concello  e que esixa do concello de Betanzos que respecte a autonomía local do noso concello”.

Ademais, pedían que o rexedor de Coirós se reunise co alcalde de Betanzos “para valorar o proxecto e exixir que se modifique na liña das observacións realizadas por dez entidades culturais e ambientais da comarca, cando menos no que afecta ao concello de Coirós”. “Algunhas das partes máis conflitivas desde o punto de vista ambiental deste proxecto están no noso municipio” recorda a voceira do BNG.

“Aínda que o PP pasase o rolo e se negara a debater esta moción, Betanzos non pode contratar obras en Coirós”, relata a voceira nacionalista, que adiantou que rexistrará a moción novamente para que o goberno local teña que debatela no vindeiro pleno. “Despois fixemos varias preguntas sobre este tema e o alcalde asegurou que descoñece o proxecto do paseo e que xa o verá” relata Pura Ferreño.

Chamamento a participar nos actos públicos contra o trazado do paseo

O BNG fai un chamamento a veciñanza de todos os concellos que atravesa o Mandeo a participar no roteiro informativo-reivindicativo convocado o domingo ás 10 da mañá no paseo das Monxas polas dez asociacións culturais e ecoloxistas da comarca que se opoñen ao trazado.

As nacionalistas, que apoian todos estes actos, chaman igualmente á veciñanza a se informar sobre este proxecto e a súa repercusión no medio natural e humano, convidando a asistir ao acto informativo que acollerá a Libraría Biblos o vindeiro sábado desde as sete do serán, organizado tamén polas dez entidades sociais que cuestionan o trazado da senda.

Denunciamos que o alcalde non defende o patrimonio e Concello de Coirós diante do proxecto de paseo aos Caneiros