Imprimir

Demandamos modificacións no PXOM de Bergondo polo seu crecemento excesivo

bngasmarinhas | 22 de Xuño de 2018

PXOM Bergondo San Cidre
PXOM Bergondo San Cidre

O PXOM presentado polo goberno local non prevé dotacións suficientes para a poboación prevista”.O goberno local mantén aínda ocultas as ordenanzas que regulan este PXOM”.

Bergondo, 21 de xuño de 2018. O BNG pediu ao goberno local que rectifique a súa proposta de PXOM despois dos duros informes da Xunta de Galiza. “Os informes que conforman o documento de alcance emitido pola Xunta son moi duros coa proposta do goberno local e, entre outras cousas, afirman que os obxectivos e as previsións de poboación do Concello son correctos, pero o Plan Xeral proposto non se adapta a estes obxectivos que din perseguir”, explicou o portavoz do BNG de Bergondo, David Carro.

“Sobre todo no que respecta ao solo de núcleo, os informes consideran que non está xustificado polo crecemento da poboación e que o modelo que reflexa vai empeorar o problema de ocupación de territorio que xa temos en Bergondo, coa afectación á paisaxe e de servizos que conleva". "De feito, o informe de paisaxe aconsella un cambio de modelo para o PXOM”, engadiu Carro.

“Ademais tamén falta xustificación para incluír en solo urbano terreo que carece da xustificación que indique que efectivamente cumpre as características para ser considerado urbano", insiste. "Isto é moi importante porque se trata de polígonos de solo urbano non consolidado en todas as parroquias e afirmase que o solo urbano consolidado no centro de Bergondo tamén ten que ser revisado por carecer de servizos”, informou o portavoz nacionalista.

Sen dotacións suficientes para a poboación que fixa o plan

“O PXOM fai afirmacións preocupantes como que a depuración non está garantida para a capacidade residencial do Plan Xeral”, informou Carro. As nacionalistas entenden que isto é unha advertencia de calado, e aseguran que "cremos que é moi importante para a calidade do noso medio que se garanta un servizo de saneamento e depuración adecuado”. Desde o BNG pediron ao goberno que inclúa reserva de solo dotacional para un centro de día ou un xeriátrico, dos que Bergondo carece, ou unha escola infantil, xa que a única que hai en Guísamo é insuficiente xa para a poboación actual.

“O solo industrial tamén semella excesivo para os redactores do informe, como afirmaramos desde o BNG, xa que non hai estudos de demanda local e hai polígonos industriais con espazo baleiro na comarca”, engadiu Carro.

O goberno local mantén ocultas as ordenanzas que regulan este PXOM

Os nacionalistas pediron ao goberno que rectifique e deixe de insistir nun modelo de crecemento que é obvio que non ten sentido e aposte por adaptar o PXOM aos obxectivos que eles mesmos propoñen, que son moito máis realistas en canto á evolución de poboación e necesidades do Concello. "Hai no goberno quen demandaba un cambio no modelo urbanístico, pero por algunha razón que non se explica publicamente cambiou de criterio, xa dirán por que", ironizou Carro.

Desde o BNG insistiron en solicitar ao goberno local a publicación da proposta de ordenanzas para ver canto é o total de novas vivendas propostas, alturas, edificabilidade e demais datos importantes para valorar a proposta concreta sobre todo polo que respecta ao solo urbano.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/bergondo/demandamos-modificacions-pxom-bergondo-polo-seu-crecemento-excesivo/20180622105916002158.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego das Mariñas

Bloque Nacionalista Galego 

Travesía da Torre, 2, 1º

(15300) Betanzos

Correo electrónico: marinhas@bng.gal

Teléfono : 981776466