Criticamos que o goberno local malgaste cartos públicos en apoiar unha manifestación convocada polo ‘lobbi’ da madeira

Estefanía Busto é a portavoz do BNG en Oza e Cesuras

O grupo nacionalista defende unha ordenación do monte para regular as distancias e garantir a seguridade da veciñanza así como que se poña coto ao monocultivo de eucalipto. Desde o BNG apostaron por un modelo que busque o beneficio colectivo en lugar do beneficio para algunhas empresas.

Criticamos que o goberno local malgaste cartos públicos en apoiar unha manifestación convocada polo ‘lobbi’ da madeira

Oza dos Ríos, 30 de maio de 2018. O BNG criticou que o goberno local malgaste cartos públicos en apoiar unha manifestación convocada polo ‘lobbi’ da madeira en contra dos intereses de parte dos veciños e veciñas do Concello. Desde o BNG recordaron que o grupo nacionalista defende unha ordenación do monte para regular as distancias e garantir a seguridade da veciñanza así como que se poña coto ao monocultivo de eucalipto, xa que, como afirmou onte o concelleiro Andrés Taboada, “o eucalipto ocupa xa o 80% da superficie do concello”.

Os nacionalistas recordaron que en novembro de 2017 trasladaron ao Pleno unha moción pedindo cambios na política forestal para evitar que “se convertan en eucaliptais as terras agrarias e prados, xa que desordena o territorio e aumenta os riscos de incendio, e menos a carón dos núcleos de poboación”, criticou a portavoz nacionalista Estefanía Busto. “O alcalde negouse a apoiar calquera proposta para modificar a política forestal xustificándoo en que ‘están a tope co eucalipto’, como chegou a afirmar no Pleno”, indicou a portavoz do BNG.

Desde o BNG apostaron por un modelo que busque o beneficio colectivo en lugar do beneficio para algunhas empresas. “Despois de que o goberno organizase charlas para promover o cultivo de eucalipto ás que acudían empregados de ENCE é obvio cal é o modelo do PP de Oza e Cesuras”, engadiu Busto.

“Está claro que neste tema hai intereses económicos encontrados e o que pensamos que non debe facer o concello con cartos públicos e intentar beneficiar aos produtores de madeira sobre as explotacións agrarias ou de horta que se ven prexudicadas pola extensión cada vez maior da superficie forestal e sobre a seguridade da propia veciñanza”, concluíu Busto.

Criticamos que o goberno local malgaste cartos públicos en apoiar unha manifestación convocada polo ‘lobbi’ da madeira