Trasladamos ao Parlamento a contaminación do Río Mendo en Reboredo

O Bloque esixirá no Parlamento galego información sobre os resultados concretos das últimas analíticas e que causou esta contaminación por fecais no río así como medidas concretas para poñerlle solución.

Trasladamos ao Parlamento a contaminación do Río Mendo en Reboredo

Oza dos Ríos, 13 de xullo de 2016. O BNG pedirá información no Parlamento sobre a calidade da auga en Reboredo e as causas da contaminación despois de 15 persoas presentaran síntomas de intoxicación despois de bañarse nesta área. “As análises da auga feitas pola Dirección Xeral de Saúde Publica detectaron contaminación biolóxica -un exceso de bacterias con unha carga de até  2.000 partículas por cada cen mililitros de auga- polo que se desconsellou o baño na zona”, explicou a portavoz do BNG, Estefanía Busto.

“A semana pasada trasladamos a situación ao Pleno do Concello pero o PP negouse a tomar ningunha medida nin a sinalizar a zona advertindo da mala calidade da auga porque en palabras do alcalde ‘a xente non se baña en Reboredo’, parece ser que despois de que se producira a presunta intoxicación sí que puxo uns carteis”, engadiu Busto, “mais o problema é que non sabemos que medidas pensan tomar tanto o Concello como Augas de Galiza para garantir a calidade da auga no Mendo ao seu paso polo noso Concello”.

Despois dun importante investimento do Plan Mandeo -138.422 euros- no ano 2010, con actuacións destinadas á mellora da contorna: desbrozar, limpar, reahabilitar a casa dos peóns camiñeiros así como no propio río; construción de pasos sobre o río que permitan que poida cruzarse e a recuperación da piscina fluvial mediante a reparación das comportas para facer unha represa. Posteriormente, no ano 2014 desenvolveuse un obradoiro para persoas desempregadas da Consellería de Emprego e Benestar no que tamén se realizaron melloras na zona.

“Na actualidade o mantemento desta área unha vez finalizadas as obras depende do Concello e garantir a calidade da auga é unha competencia da Xunta a través de Augas de Galiza”, indicou. Por iso, a nacionalista anunciou que o BNG esixirá no Parlamento galego información sobre os resultados concretos das últimas analíticas e que causou esta contaminación por fecais no río así como medidas concretas para poñerlle solución.

“No río Mendo prodúcese máis preto da súa desembocadura a captación de auga para o subministro de auga de Betanzos. Parécenos moi grave e unha falta de responsabilidade que en lugar de advertir da mala calidade da auga e garantir a seguridade da veciñanza e visitantes o goberno local intentara ocultar a situación e nin sequera puxera uns carteis nunha área tan visitada no verán e sobre todo as fins de semana como a de Reboredo”, concluíu.

Trasladamos ao Parlamento a contaminación do Río Mendo en Reboredo