O BNG propón no Pleno que se bonifique o IBI das explotacións agrarias

José Manuel López Crespo é o concelleiro do BNG en Aranga

 O PP impediu onte que se debatera no Pleno de Aranga unha proposta do BNG reclamando que se apliquen no IBI (Imposto de Bens Inmóbeis) as bonificacións máximas que permite a lexislación. “O PP votou en contra da urxencia da moción, aínda sabendo que se non se aproban as bonificacións agora non se van poder aplicar o vindeiro ano

O BNG propón no Pleno que se bonifique o IBI das explotacións agrarias

Aranga, 31 de outubro de 2014. O PP impediu onte que se debatera no Pleno de Aranga unha proposta do BNG reclamando que se apliquen no IBI (Imposto de Bens Inmóbeis) as bonificacións máximas que permite a lexislación. “O PP votou en contra da urxencia da moción, aínda sabendo que se non se aproban as bonificacións agora non se van poder aplicar o vindeiro ano”, explicou Xosé Manuel López Crespo, concelleiro do BNG en Aranga.

Na súa proposta os nacionalistas pedían bonificacións do 95 por cento do imposto, naqueles inmobles nos que se desenvolvan, total e exclusivamente, actividades agrarias e gandeiras pertencentes ao sector primario. “Todo o que se faga desde os concellos para protexer as explotacións agrarias e gandeiras contribuirá a frear o progresivo despoboamento e abandono  das nosas aldeas e, xa que logo, a manter vivo o medio rural”, explicou López Crespo.

“A gravísima crise económica que desde hai varios anos estamos a sufrir vén agravar aínda máis no medio rural a xa moi debilitada economía das familias dedicadas ás actividades agrarias e gandeiras”, indicou o voceiro nacionalista. “Tendo en conta que no noso Concello para o ano 2015 entran en vigor os novos valores catastrais  e que se dan as circunstancias para que se regule nunha ordenanza fiscal a bonificación do IBI para o próximo ano acollendonos ao que a propia lexislación contempla para estas construcións, pensamos que sería moi positivo para un concello rural coma o noso bonificar as explotacións que son o principal medio de vida de moitas familias”.

“O PP votou en contra da urxencia da moción, aínda sabendo que se non se aproban as bonificacións agora non se van poder aplicar o vindeiro ano”

“Sería o propio Pleno o que tería que recoñecer estas bonificacións as persoas que o solicitaran”, indicou López Crespo. Desde o BNG insistiron en reclamar ao goberno local que “valore de novo a nosa proposta, xa que se non se aproba a ordenanza concreta agora o ano que ven xa non podería aplicarse”.

“O concello de Aranga ten superavit, así que podía perfectamente bonificar ás explotacións agrarias sen problema”, concluíu o concelleiro nacionalista, “non entendemos porque un concello sen débeda nin problemas económicos se nega a bonificar aos veciños e veciñas que viven do sector gandeiro e agrícola que é o sector máis importante en Aranga”.

O BNG propón no Pleno que se bonifique o IBI das explotacións agrarias