O BNG presentou alegacións ao PXOM de Abegondo no trámite previo ao informe de impacto ambiental estratéxico

2011_05_14_Encoro de Abegondo Cecebre (6)
O BNG pediu explicacións sobre “o cambio de ubicación do polígono eco-agrario con respecto ao xa contemplado no PXOM de 2012 no lugar do Abelendo, na parroquia de Montouto a agora situalo en Beldoña
O BNG presentou alegacións ao PXOM de Abegondo no trámite previo ao informe de impacto ambiental estratéxico

Abegondo, 11 de setembro de 2020. O BNG presentou alegacións ao PXOM de Abegondo no trámite previo ao informe de impacto ambiental estratéxico. Nas súas alegacións o BNG reclama concreción na definición do que sería o polígono “eco-agrario”, que na proposta de PXOM aparece citado dunha forma completamente vaga sen plan director nin definición concreta de cal sería a forma de desenvolvemento. 

“Na nosa comarca hai polígonos industriais convertidas en enormes extensións de “plumacho” moitos deles ou total ou parcialmente baleiros cun grande impacto nas zonas onde están ubicados, por iso defendemos que se se reserva solo para este polígono se defina concretamente os usos e formas de desenvolvemento”, explicaron desde o BNG de Abegondo. Ademais o BNG pediu explicacións sobre “o cambio de ubicación do polígono con respecto ao xa contemplado no PXOM de 2012 no lugar do Abelendo, na parroquia de Montouto a agora situalo en Beldoña. Non sabemos cal é a motivación deste cambio e pensamos que debía explicarse para que a veciñanza poida entendelo”, engaden. 

Reserva de solo para ampliación das instalacións do Deportivo

O PXOM contempla a creación dun ámbito de solo urbanizábel de uso terciario vinculado aos campos de entrenamento do Real Club Deportivo de A Coruña, coa finalidade de garantir a posibilidade de ampliación da cidade deportiva ou de complementar esta con usos educativos, aloxamentos deportivos, etc  Serían 25.395,94 m2 de solo urbanizábel moi próximos á cola do encoro de Cecebre que forma parte da Rede Natura 2000 como ZEC e afectaría tamén ao ENIL das Ribeiras do Mero e o Barcés, actualmente en período de redacción o seu documento rétor. 

“Deixando a un lado a necesidade da ampliación destas instalacións deportivas na situación actual ou en que medida repercuten como servizo público no concello de Abegondo, desde o BNG pensamos que aínda obviando estes temas non é a zona adecuada para reservar solo urbánizabel senón que sería unha zona que pensamos que sería importante preservar pola súa riqueza natural e paisaxística”, engadiron

Sendas verdes, marxes dos ríos, especies autóctonas e miradores

Ademais desde o grupo nacionalistas engadiron propostas para que se teñan en conta reservas de solo para sendas verdes, corredores ecolóxicos que unan as diferentes parroquias do concello, tamén piden que se protexan as zonas con especies autóctonas e que se preste atención ás marxes dos rios. 

“Desde o BNG botamos en falta que se recollan tamén outras zonas altas do concello como Montouto, con vistas a toda a zona da Coruña, ou Vilacoba. Concretamente a zona do Castro de Montouto conta cunhas vistas privilexiadas e pensamos que sería importante incluír no documento unha reserva de solo nestas zonas polo seu potencial paisaxístico para miradoiros ou zonas de esparcemento”. 

“Ampliar estas zonas de interese paisaxístico contribuiría ademais a incrementar o potencial turístico do Concello de Abegondo, que atravesa o Camiño Inglés, cuxo percorrido pasaría polo alto de Montouto”, concluíron.

O BNG presentou alegacións ao PXOM de Abegondo no trámite previo ao informe de impacto ambiental estratéxico