O BNG botou en falta investimentos fundamentais para a comarca das Mariñas na proposta de orzamentos da Xunta para o 2021

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

“Faltan investimentos fundamentais para a comarca das Mariñas como o relativo á posta en valor do patrimonio de Betanzos, que debera ser o motor económico da comarca, despois das múltiples promesas do presidente da Xunta, vemos que no orzamento non hai un euro para o Pasatempo nin para o Casco Histórico de Betanzos”

“Non hai orzamento para o novo centro de saúde de Abegondo, longamente prometido, nin tampouco para residencia ou xeriátrico público na comarca que carece totalmente destes servizos. Parece que seguimos sen reforzar os servizos públicos nin no referente á sanidade ni nos servizos sociais”

O BNG botou en falta investimentos fundamentais para a comarca das Mariñas na proposta de orzamentos da Xunta para o 2021

Betanzos, 24 de novembro de 2020. O BNG botou en falta investimentos fundamentais para a comarca das Mariñas na proposta de orzamentos da Xunta para o 2021. “O Bloque Nacionalista Galego entende que as contas da Administración galega son francamente insuficientes e non están á altura do desafío que supón a pandemia en termos sanitarios nin sociais ou económicos”, considera a deputada nacionalista Mercedes Queixas. 

“Os orzamentos recollen fundamentalmente partidas sen executar do ano pasado cun incremento nas cantidades, como a escola infantil de Coirós, ou as melloras no saneamento en Abegondo, Betanzos e Paderne e compromisos que debían estar rematados hai anos como a obra de mellora da ETAP de Betanzos, que tiña que estar rematada o pasado ano e aínda non empezou”, explicou a deputada nacionalista. 

“Faltan investimentos fundamentais para a comarca das Mariñas como o relativo á posta en valor do patrimonio de Betanzos, que debera ser o motor económico da comarca, despois das múltiples promesas do presidente da Xunta, vemos que no orzamento non hai un euro para o Pasatempo nin para o Casco Histórico de Betanzos”, engadiu Queixas. 

Ademais, vemos que a Xunta non toma nota do que nos ensinou esta situación de emerxencia sanitaria. “Non hai orzamento para o novo centro de saúde de Abegondo, longamente prometido, nin tampouco para residencia ou xeriátrico público na comarca que carece totalmente destes servizos. Parece que seguimos sen reforzar os servizos públicos nin no referente á sanidade ni nos servizos sociais”, criticou Mercedes Queixas. 

“En definitiva, estes orzamentos deixan ver que nin sequera en plena pandemia a Xunta é quen de modificar a súa tradicional política de desatención das necesidades máis urxentes da nosa comarca.” concluíu. O BNG anunciou que presentará emendas coas súas propostas para mellorar estes orzamentos e que fará un seguimento da execución compromisos da Xunta “para asegurarnos de que non quedan en papel mollado”.

O BNG botou en falta investimentos fundamentais para a comarca das Mariñas na proposta de orzamentos da Xunta para o 2021