Protestamos pola supresión de liñas de autobús entre Oza e A Coruña

Imaxe da concentración en Oza

O BNG-Asembleas Abertas de Oza dos Ríos e de Cesuras amosou o seu rexeitamento á supresión de dúas liñas de autobús da empresa ARRIVA entre a localidade e A Coruña.

Protestamos pola supresión de liñas de autobús entre Oza e A Coruña

Oza dos Ríos, 26 de agosto de 2016. O BNG-Asembleas Abertas de Oza dos Ríos e de Cesuras amosou o seu rexeitamento á supresión de dúas liñas de autobús da empresa ARRIVA entre a localidade e A Coruña. En protesta pola supresión, o BNG-AA de Oza dos Ríos e Cesuras convocou unha protesta esta mañá ás 12 horas na parada de Oza, no lugar do Castiñeiro.


“Esta supresión deixa incomunicadas a moitas veciñas”, afirma Esfefanía Busto, responsábel do BNG no concello de Oza-Cesuras. “As liñas suprimidas permitían ás veciñas do noso concello, e tamén ás de Curtis ou Vilasantar, desprazárense á Coruña ou aos restantes núcleos que a liña une”, destaca a voceira nacionalista. A supresión deixa as usuarias do servizo sen unha alternativa ao vehículo privado para se desprazaren até á cidade da Coruña.


Para as nacionalistas,“Concello e Xunta deben velar pola defensa dos servizos públicos como este, imprescindíbeis para quen non dispón dun coche”, afirma a voceira do BNG en Oza dos Ríos e Cesuras. Para as nacionalistas,“a Xunta non está a garantir o dereito ao transporte público, e impide ademais cumprir con calquera horario laboral ou escolar”.


“Non acertamos a comprender como se pode suprimir un servizo ás veciñas dun concello despois de recibiren as súas tarxetas de transporte”, manifestou a portavoz nacionalista.“De que lle sirve pois a Oza dos Ríos  e a Cesuras integrarse no consorcio de transporte metropolitano da Coruña se despois a empresa pode suprimir o servizo?”, pergúntase Estafanía Busto.


As nacionalistas lembran que a conexión coa cidade da Coruña é fundamental para as veciñas do municipio: “as veciñas do rural debemos ter garantidos os mesmo dereitos que as das cidades”, reclama Busto, “para iso se creou o consorcio de transporte”. Para Estefanía Busto é un feito “grave, ao negar a igualdade de dereitos ás habitantes do rural”.


Desde o BNG consideran que a presión veciñal é esencial para que esta supresión se revogue o antes posíbel e se garanta ás veciñas “o mellor servizo de transporte público posíbel”. Por iso chamaron as veciñas a defensa do transporte público hoxe ás doce horas na parada do Castiñeiro, pertencente á liña suprimida.
 

Protestamos pola supresión de liñas de autobús entre Oza e A Coruña