Propoñemos que Paderne solicite a adhesión ao transporte metropolitano

Manel Pérez é o portavoz do BNG en Paderne
Manel Pérez é o portavoz do BNG en Paderne

A inclusión de Paderne nas áreas metropolitanas da Coruña e Ferrol, ademais de vantaxes tarifarias, a través da tarxeta metropolitana suporía que a mocidade podería solicitar a tarxeta xente nova, que é a tarxeta de transporte metropolitano de Galicia que permite realizar todas as viaxes interurbanas gratuítas para as persoas menores de 18 anos”

Propoñemos que Paderne solicite a adhesión ao transporte metropolitano

Paderne, 21 de maio de 2018. O BNG presentará unha moción para instar ao goberno local a solicitar a adhesión ao transporte metropolitano de Galiza do Concello de Paderne. Os nacionalistas pedirán tamén ao goberno local que reserve no próximo orzamento unha partida para convocar unhas bolsas de transporte escolar para o estudantado e a elaborar unhas bases para a súa convocatoria, que valore os diferentes rangos de renda das familias na súa concesión.

“A área de transporte metropolitano da Coruña inclúe concellos de diferentes comarcas, como Ordes ou Carballo, entre eles a maioría dos da nosa comarca. De feito o concello limítrofe ao noso Miño, está incluído tanto na área metropolitana da Coruña como na de Ferrol, situación que podería ser o máis desexábel tamén para Paderne xa que polas parroquias da Costa, como Viñas ou Souto, pasan os autobuses destino Ferrol”, explicou o portavoz do BNG, Manel Pérez.  

“A inclusión de Paderne nas áreas metropolitanas da Coruña e Ferrol, ademais de vantaxes tarifarias, a través da tarxeta metropolitana suporía que a mocidade podería solicitar a tarxeta xente nova, que é a tarxeta de transporte metropolitano de Galicia que permite realizar todas as viaxes interurbanas gratuítas para as persoas menores de 18 anos. Actualmente a xente nova de Miño ou Betanzos pode viaxar gratis no transporte metropolitano, mentres a mocidade de Paderne ten que pagar o billete sen ningún tipo de desconto”, engadiu o voceiro nacionalista.

“Ademais en concellos limítrofes e non necesariamente con máis poboación que o noso, como é o caso de Betanzos ou Coirós, resérvase unha parte do orzamento municipal para bolsas de transporte para o estudantado -xa que a partir dos 18 anos o transporte xa non é gratuíto e polo tanto en toda a etapa universitaria-. No Concello de Paderne non existe ningún tipo de bolsas nin axudas para as persoas estudantes empadroadas no noso Concello, polo que pedimos ao goberno local que reserve orzamento para a súa creación”, concluíu.