Pedimos á Xunta que comece o amaño da AC-840 tras aprobalo o pleno de Oza-Cesuras

O pleno de Oza-Cesuras aprobou esta mañá en sesión ordinaria a moción do BNG na que demandaban actuacións para a mellora da seguridade viaria na estrada AC-840. Este é un grave problema e a veciñanza está reclamando solucións, alegrámonos de que a nosa proposta fose aprobada e agardamos que os acordos aprobados hoxe se fagan efectivos canto antes.

Pedimos á Xunta que comece o amaño da AC-840 tras aprobalo o pleno de Oza-Cesuras

Oza dos Ríos, 4 de novembro de 2016. O pleno de Oza-Cesuras aprobou esta mañá en sesión ordinaria a moción do BNG na que demandaban actuacións para a mellora da seguridade viaria na estrada AC-840. “Despois das recurrentes queixas da veciñanza de Filgueira de Barranca rexistramos unha moción solicitando da Xunta as melloras oportunas para todo o trazado da estrada polo noso concello”, iformou Estefanía Busto, voceira do BNG.

A falta de medidas de seguridade viaria fai que esta estrada, que transcorre 18 km polo noso concello, supoña un risco para condutores e peóns, e nos últimos anos rexistráronse varios accidentes con vítimas mortais”, explicou Busto. “Este é un grave problema e a veciñanza está reclamando solucións, alegrámonos de que a nosa proposta fose aprobada e agardamos que os acordos aprobados hoxe se fagan efectivos canto antes.” informou a voceira nacionalista.

Desde o BNG-AA lembran que non é a primeira vez que reclaman as melloras precisas para esta estrada, “trasladamos esta situación en diferentes ocasións ao concello e ao parlamento galego, demandando que se realicen as actuacións oportunas para garantir a seguridade dos veciños e veciñas”, explicou a portavoz nacionalista. “Ademais da moción que presentamos no concello volveremos trasladar estas demandas ao parlamento galego” anunciou Busto.

Transferencia da AP-9

O pleno tamén aprobou a moción do BNG sobre a transferencia da AP-9, “demandamos a transferencia da AP-9 a Galiza, segundo foi aprobado no Parlamento de Galiza, o BNG leva anos demandando medidas para que esta autoestrada exerza como unha vía de comunicación que realmente vertebre o territorio galego, e se eliminen ou reduzan as peaxes”, explica a concelleira nacionalista. “A veciñanza do concello e da comarca temos que pagar por utilizar unha infraestrutura que xa está amortizada, a súa recuperación sería un gran beneficio para o país e a comarca” concluíu Busto.