Pedimos no Parlamento información sobre o estado dunha mámoa no Monte do Gato

SDC10632

Trátase dunha zona de alto valor arqueolóxico e queremos saber que medidas vai tomar a Xunta de Galiza para garantir a súa conservación e posta en valor.

Pedimos no Parlamento información sobre o estado dunha mámoa no Monte do Gato

Oza dos Ríos,  23 de xaneiro de 2018. O BNG preguntou no Parlamento de Galiza polo estado dunha mámoa na parroquia de Rodeiro, en Oza-Cesuras, que sufriu danos durante uns traballos con vehículos pesados, informou Estefanía Busto, voceira do BNG no Concello.

“Tivemos coñecemento dunha denuncia presentada diante do servizo de patrimonio cultural da Xunta de Galiza polos danos causados nunha mámoa situada no Monte do Gato, na parroquia de Rodeiro no Concello de Oza-Cesuras”, explicou a voceira nacionalista. “Estas alteracións producíronse pola actividade de vehículos pesados para acondicionar a parcela para unha plantación de eucaliptos”, engadiu Busto.

O grupo nacionalista xa trasladara este tema ao Pleno do concello, pedindo información ao goberno local das actuacións que levara a cabo para defender este ben patrimonial. “Aínda que a competencia sobre o patrimonio é da Xunta de Galiza, que é quen ten que velar polo cumprimento da normativa sobre os bens arqueolóxicos, polo que demandamos tamén que se aplique a normativa e se multe ás persoas responsábeis de esta e calquera agresión contra o patrimonio é obriga do goberno local trasladar estes incumprimentos da lei á Xunta e velar pola protección do noso patrimonio”, concluíu Busto.

O BNG pediu a posta en valor dos restos arqueolóxicos do Monte do Gato

“Estes túmulos están datados antes do ano 2500 a. C. e forman parte dunha agra de túmulos do Montes do Gato. Están situados nun camiño prehistórico que levaba dende Lugo cara Brigantium”, informou a concelleira nacionalista. “Trátase dunha zona de alto valor arqueolóxico e queremos saber que medidas vai tomar a Xunta de Galiza para garantir a súa conservación e posta en valor” demandan desde o BNG. 

“O monte do Gato, entre os concellos de Oza-Cesuras e Coirós, alberga un patrimonio de alto valor arqueolóxico e está nun estado de abandono lamentábel e completamente descoidado, o que permite este tipo de episodios. Pensamos que o noso patrimonio é unha oportunidade para o noso concello ademais de ser un resto do noso pasado que nos permite saber de onde vimos e polo tanto ten un valor incalculábel”, engadiu Busto. “O goberno debera deseñar un plan para a súa posta en valor, cunha actualización dos paneis informativos e unha correcta sinalización, actividades cos centros de ensino da comarca como visitas e roteiros e a edición de información dirixida ao turismo sobre este ben patrimonial. Desde o BNG xa hai anos que levamos reclamando a posta en valor deste importante ben patrimonial”, concluíu a portavoz do BNG.

Pedimos no Parlamento información sobre o estado dunha mámoa no Monte do Gato