Pedimos no Pleno que en lugar de privatizar a auga de Cesuras se remunicipalice o servizo de Oza

Estefanía Busto, portavoz do BNG, no Pleno de Oza e Cesuras
Estefanía Busto, portavoz do BNG, no Pleno de Oza e Cesuras

O BNG pediu no Pleno celebrado hoxe que en lugar de privatizar o subministro de auga de Cesuras se estude a posibilidade de remunicipalizar o servizo do antigo concello de Oza.

Pedimos no Pleno que en lugar de privatizar a auga de Cesuras se remunicipalice o servizo de Oza

Oza dos Ríos, 29 de agosto de 2017. O BNG pediu no Pleno celebrado hoxe que en lugar de privatizar o subministro de auga de Cesuras se estude a posibilidade de remunicipalizar o servizo do antigo concello de Oza.

“Segundo a proposta da alcaldía, trátase dun servizo que non é deficitario, a maiores o concello propón asumir todos os gastos derivados deste servizo: o mantemento dun local no antigo concello de Cesuras, que cedería á empresa concesionaria, así como os gastos de luz e auga e mesmo unha furgoneta propiedade do concello que actualmente se usa para este servizo”, explicou a portavoz do BNG, Estefanía Busto.

“Todo son vantaxes para a empresa privada, xa que non asumirá ningún gasto de mantemento e mesmo se vai facer cargo das novas instalacións que se están levando a cabo con cargos públicos da Xunta de Galiza, é un investimento de máis de 700 mil euros para o proxecto de “Mellora do Abastecemento de auga potable en Oza-Cesuras”, financiado ao 100% pola Xunta e que pasará a ser xestionado pola empresa privada”, engadiu a portavoz nacionalista.

Desde o BNG sempre defendemos a xestión pública dos servizos porque son máis económicos e eficientes e evitan moitas das corruptelas e redes clientelares que van asociadas ás concesións a empresas privadas de servizos que se montan e manteñen con recursos públicos.

“Despois da fusión de concellos, a partir do ano 2013, empezaron a facerse públicos constantes episodios de vertidos no río Mendo e problemas no subministro de auga de Cesuras cos que se pretende agora xustificar esta privatización, sen que en ningún momento o goberno local dese ningún dato sobre expedientes abertos nin multas derivadas destes episodios”, criticou Busto. “O que non entendemos é como se van evitar agora estes vertidos, xa que polo que parece non hai ningunha intención de facelo, e só serven como pretexto para xustificar esta privatización”, criticou a voceira do BNG. "Parece que o único que se pretende é ampliarlle o volume de negocio a Espina y Delfín e o alcalde debería explicar por que mira máis pola empresa que polos intereses veciñais" abundou.

“Estamos de acordo en que non é viable nin xusto que no mesmo concello se preste un servizo con distintas características, o que supón un agravio para as veciñas e veciños de Cesuras, é por isto que  propomos ao pleno que se valore a opción de remunicipalizar o abastecemento da auga no concello de Oza dos Ríos”, concluíu.