Pedimos o correcto mantemento e que se garanta a calidade da auga do baño en Reboredo

Vista da área de descanso de Reboredo
Vista da área de descanso de Reboredo

O BNG trasladará ao Pleno unha petición para que o goberno local realice as actuacións necesarias co fin de garantir o correcto mantemento e a calidade da auga do baño na area de descanso de Reboredo.

Pedimos o correcto mantemento e que se garanta a calidade da auga do baño en Reboredo

Oza dos Ríos, 28 de xuño de 2017. O BNG trasladará ao Pleno unha petición para que o goberno local realice as actuacións necesarias co fin de garantir o correcto mantemento e a calidade da auga do baño na area de descanso de Reboredo.

“A través dos medios de comunicación enterámonos, sen que o goberno nos informara en ningún momento, de que o concello solicitou á Xunta que dea de baixa a area de descanso de Reboredo das zonas de baño habilitadas, alegando episodios reiterados de contaminación microbiolóxica, dos que tampouco fomos informados”, explicou a portavoz do BNG, Estefanía Busto, “o alcalde afirmou que a carencia dos recursos necesarios para o correcto mantemento e xestión das instalación e episodios reiterados de contaminación con orixe descoñecida xustifican esta petición”, engadiu Busto.

As nacionalistas instaron ao goberno local a facilitar aos grupos da oposición e veciñanza toda a información relativa a este asunto, incluídas as denuncias dos vertidos e os resultados das analíticas que xustifiquen a petición do Concello de dar de baixa Reboredo como area de baño habilitada.

A área recreativa de Reboredo sitúase nas inmediacións do río Mendo, trátase dun entorno con densa vexetación e habilitado para un uso lúdico, baño e pesca; moi visitado especialmente nos meses de verán. Despois dun importante investimento do Proxecto Mandeo (138.422 euros) no ano 2010, con actuacións destinadas á mellora da contorna: desbrozar, limpar, rehabilitar a casa dos peóns camiñeiros así como no propio río; construción de pasos sobre o río que permitan que poida cruzarse e a recuperación da piscina fluvial mediante a reparación das comportas para facer unha represa. Posteriormente, no ano 2014 desenvolveuse un obradoiro para persoas desempregadas da Consellería de Emprego e Benestar no que tamén se realizaron melloras na zona.

“A pesar destes investimentos a zona non presenta un bo estado de conservación aínda que desde o BNG xa reclamamos en anteriores ocasións un correcto mantemento para este lugar”, engadiu Busto, “este ano, de novo xa no verán non se realizou ningunha actuación para manter a zona de recreo acondicionada”, concluíu a portavoz nacionalista.