Lamentamos o visto bo da Xunta a un xeriátrico privado mentres renuncia ao público que prometeu na fusión

Sanatorio de Cesuras. Segundo o proxecto da fusión convertiríase nun xeriátrico público.
Sanatorio de Cesuras. Segundo o proxecto da fusión convertiríase nun xeriátrico público.

O BNG lamentou que a Xunta lle dea o visto bo a un xeriátrico privado mentres renuncia ao xeriátrico público que prometera na fusión. Lamentamos que deste xeito se renuncie a unha das grandes promesas da fusión, que era a rehabilitación do antigo sanatorio do Paraxón e o seu uso como xeriátrico público.

Lamentamos o visto bo da Xunta a un xeriátrico privado mentres renuncia ao público que prometeu na fusión

Oza dos Ríos, 10 de novembro de 2017. O BNG de Oza e Cesuras insiste na necesidade de recuperar o edificio do Sanatorio e o seu uso como xeriátrico público. “Vimos de saber que finalmente a Xunta da o visto bo para a construción dun xeriátrico privado despois de que o concello recualificase case 25 000 metros cadrados para a empresa Lucus Residencial SL” informou a concelleira nacionalista, Estefanía Busto, “todo isto sen someter o plan especial ao procedemento de avaliación ambiental” engadiu.

“Lamentamos que deste xeito se renuncie a unha das grandes promesas da fusión, que era a rehabilitación do antigo sanatorio do Paraxón e o seu uso como xeriátrico público” explicou Busto, “en toda a comarca non existe nin unha soa praza de xeriátrico público, e unha vez máis vemos como nos orzamentos da Xunta non hai un só euro para este fin. Pensamos que é un servizo imprescindíbel tendo en conta as características demográficas do concello e da comarca. Nin a Xunta nin o concello mostran o máis mínimo interese en recuperar o sanatorio aínda que era un dos puntos do proxecto da fusión de concellos”, insistiu a voceira nacionalista.

“A construción dunha residencia privada só beneficia á empresa  que executa o proxecto, non presta un servizo público, xa que o convenio non reserva praza ningunha para uso público”, sinalou Busto, “por outra banda, temos que lembrar que a mesma empresa ten no concello de Coirós unha urbanización sen executar, cos veciños propietarios das parcelas nunha xunta de compensación desde hai anos” concluíu. 

Lamentamos o visto bo da Xunta a un xeriátrico privado mentres renuncia ao público que prometeu na fusión