Estefanía Busto encabezará a candidatura do BNG en Oza-Cesuras

BNG; Oza-Cesuras;
17-novembro-2018
Estefanía Busto, candidata do BNG en Oza-Cesuras

Estefanía Busto Dopazo, actual concelleira do BNG en Oza-Cesuras, vén de ser elixida candidata á alcaldía pola asamblea local do BNG. A candidata vive en Salto (Oza dos Ríos) e encabezará “un proxecto pensado para abrir o concello á veciñanza, rematar coa política clientelar e en definitiva, “democratizar” o concello”.

Estefanía Busto encabezará a candidatura do BNG en Oza-Cesuras

Oza dos Ríos, 19 de xaneiro de 2018.  Estefanía Busto Dopazo, actual concelleira do BNG en Oza-Cesuras, vén de ser elixida candidata á alcaldía pola asamblea local do BNG. A candidata vive en Salto (Oza dos Ríos) e encabezará “un proxecto pensado para abrir o concello á veciñanza, rematar coa política clientelar e en definitiva, “democratizar” o concello”.

Estefanía Busto estará acompañada na candidatura, entre outros, por José Manuel Sánchez, Charo Naveira e Carlos Pedreira. “Presentámonos con ilusión e como alternativa ao goberno do PP, que leva toda a vida no poder sen ofrecer un cambio real e ningunha garantía, como puidemos comprobar coa fusión, da que non se cumpriu nin unha soa promesa”, explicou a candidata nacionalista.

“O BNG é un partido fiábel, que está sempre ao carón da veciñanza, por encima de cálculos electoralistas. Imos ás eleccións de maio co aval do traballo realizado nos últimos anos”, declarou Busto.

Ese traballo, din desde o BNG, “tratou sempre de mellorar a vida das veciñas e veciños, reclamando máis e mellores servizos”, insiste, que lembra instou “repetidamente á Xunta e Fomento a mellorar a seguridade viaria na AC-840 ao seu paso por Trasanquelos e Filgueira de Barranca”.

A candidata falou tamén das carencias na atención primaria no centro de saúde de Oza dos Ríos ou as reiteradas peticións do BNG para recuperar Reboredo como zona de baño e “depurar responsabilidades nos vertidos”, engadiu Estefanía Busto.

Busto confirma que o BNG seguirá a traballar na mesma liña, “sempre ao servizo da veciñanza” e aproveitou para convidar a sumarse ao proxecto do BNG “a todas as persoas que cren no noso concello, porque somos a alternativa á mala xestión e o modelo de cidade dormitorio que o PP defende para Oza e Cesuras”, indicou.

“Gobernar é algo máis que colocar beirarrúas e farois. Oza-Cesuras precisa máis servizos e condicións de vida digna. Todo iso que nos prometeron coa fusión e nunca chegou”, rematou Busto.

Estefanía Busto encabezará a candidatura do BNG en Oza-Cesuras