Denunciamos diante da valedora do pobo a negativa do Concello de Oza-Cesuras a cambiar o horario dos Plenos

Estefanía Busto, é a portavoz do BNG en Oza-Cesuras

Desde o BNG denunciaron tamén que o concello de Oza-Cesuras carece de portal de transparencia, ao que está obrigado por lei para facilitar o acceso á información e participación da veciñanza.

Denunciamos diante da valedora do pobo a negativa do Concello de Oza-Cesuras a cambiar o horario dos Plenos

Oza dos Ríos, 24 de setembro de 2018. O BNG denunciou diante da valedora do pobo a negativa do Concello de Oza-Cesuras a cambiar o horario dos Plenos, o que na práctica imposibilita o traballo da oposición e asistencia da veciñanza. “Pedimos á valedora que inste ao goberno local a mudar de horario ou día as sesións dos Plenos do Concello facilitando a conciliación así como a participación da veciñanza do concello a fin de conseguir unha maior participación dos concelleiros e dos habitantes do municipio nos asuntos públicos”, explicou Estefanía Busto, portavoz do BNG de Oza-Cesuras.

O BNG xa se opuxera ao horario actual no Pleno de organización da lexislatura no 2015. “O Alcalde impuxo que as sesións plenarias se leven a cabo con carácter bimensual, os venres ás 12:00 horas. A concelleira do BNG Estefanía Busto opúxose a este horario, tal e como figura na acta de celebración da sesión xa que o mesmo coincide co horario laboral dificultando a asistencia de concelleiros e do público. É o caso da concelleira que presenta a queixa, xa que debido a que desenvolve un traballo que non permite a conciliación nin flexibilización de horario polas súas características, estáselle a impedir desenvolver as súas funcións de concelleira nas sesión plenarias”, explicaron as nacionalistas.

“Desde o BNG tamén se solicitou por escrito o cambio no horario das sesións plenarias sen que se obtivese resposta por parte da alcaldía. Non hai ningunha xustificación que determine que o día e hora en que se teñen que celebrar os plenos do Concello de Oza - Cesuras sexa o establecido, que é precisamente un horario que dificulta a participación da Concelleira que presenta a queixa así como dos cidadáns que queiran acudir ás sesións plenarias”, engadiu a portavoz do BNG.

“A pesar das queixas e argumentos das concelleiras da oposición non se mudou o horario nin o día, nin se valorou a posibilidade de celebralos noutro horario ou día, impedindo o que impide á oposición realizar debidamente as súas funcións de control e fiscalización da acción de goberno”, informou a portavoz do BNG, “hai múltiples resolucións doutros Defensores del Pueblo que instan aos gobernos locais a adaptar os horarios das sesións plenarias para facilitar a participación da veciñanza nos asuntos públicos e esperamos que o goberno local rectifique e modifique este horario”.

Sen web de transparencia

Desde o BNG denunciaron tamén que o concello de Oza-Cesuras carece de portal de transparencia, ao que está obrigado por lei para facilitar o acceso á información e participación da veciñanza. “O que o alcalde fai en todo o momento é obstaculizar e dificultar a participación da veciñanza e o exercicio do control por parte da oposición. Comportase como se o concello fose a súa casa particular, con total opacidade e impedindo o acceso á información sobre como e en que se gastan os cartos públicos: non hai posibilidade de acceso ás actas dos Plenos nin das Xuntas de goberno, nin aos salarios de alcaldes e concelleiros, nin a ningunha información sobre a xestión municipal”, denunciou Busto. 

Denunciamos diante da valedora do pobo a negativa do Concello de Oza-Cesuras a cambiar o horario dos Plenos