Criticamos que o goberno pretenda privatizar o subministro de auga en Cesuras

Estefanía Busto é a portavoz do BNG en Oza e Cesuras
Estefanía Busto é a portavoz do BNG en Oza e Cesuras

O BNG criticou a intención do goberno local de privatizar a xestión da auga do antigo concello de Cesuras. “O goberno local xustifica esta privatización na súa incapacidade para xestionar o servizo e nos continuos vertidos que se producen, segundo a súa propia proposta, ‘constantes episodios de contaminación’ ao rio Mendo. O que desde o BNG non entendemos é como deixar a xestión en mans dunha empresa privada vai evitar estes vertidos”

Criticamos que o goberno pretenda privatizar o subministro de auga en Cesuras

Oza dos Ríos, 24 de agosto de 2017. O BNG criticou a intención do goberno local de privatizar a xestión da auga do antigo concello de Cesuras. “O goberno local xustifica esta privatización na súa incapacidade para xestionar o servizo e nos continuos vertidos que se producen, segundo a súa propia proposta, ‘constantes episodios de contaminación’ ao rio Mendo. O que desde o BNG non entendemos é como deixar a xestión en mans dunha empresa privada vai evitar estes vertidos”, indicou a portavoz do BNG en Oza e Cesuras, Estefanía Busto.

“Como a propia proposta que levaron hoxe á comisión informativa indica, trátase dun servizo que non é deficitario senón que da beneficios mais o goberno intenta xustificar a privatización nunha suposta incapacidade para a xestión directa dun servizo básico como o subministro de auga”, criticou a voceira nacionalista. A maiores o concello propón asumir todos os gastos derivados deste servizo como o mantemento dun local no antigo concello de Cesuras que cedería á empresa concesionaria, a luz e auga do local, e mesmo a furgoneta propiedade do concello que se utiliza actualmente para este servizo. Todo son vantaxes para a empresa privada porque non asume ningún gasto de mantemento e mesmo se vai facer cargo dunha instalación nova que se está levando a cabo con cartos públicos da Xunta de Galiza”, engadiu Busto.

A portavoz nacionalista, defendeu a xestión directa de servizos porque son máis económicos e eficientes e evitan moitas das corruptelas e redes clientelares que van asociadas ás concesións a empresas privadas de servizos que se montan e manteñen con recursos públicos. “Despois da fusión de concellos, a partir do ano 2013, empezaron a facerse públicos constantes episodios de vertidos no río Mendo e problemas no subministro de auga de Cesuras cos que se pretende agora xustificar esta privatización, sen ningún dato sobre expedientes abertos nin multas derivadas destes episodios. O alcalde facía público a principio do verán que ía solicitar da Xunta que lle dera de baixa do catálogo de zonas de baño a de Reboredo polo mesmo motivo”, concluíu a portavoz do BNG, “para a veciñanza as consecuencias da fusión foron máis privatizacións, uns servizos dunha calidade lamentábel e unha subida do salario do alcalde até o máximo permitido pola lei”.

Dende o BNG anunciaron o seu voto en contra desta nova privatización e pediron ao alcalde que ao contrario, para evitar manter dous sistemas diferentes, que estude a posibilidade de remunicipalizar o servizo no antigo concello de Oza.