Busto: “quen ten que mover ficha é o PP para cumprir as promesas de hai tres anos coa fusión”

De todas as promesas do proxecto de fusión, dos postos de traballo na Ence e na Coca-Cola nin do instituto, nin do soterramento da vía do tren, nin de outras tantas promesas nada se soubo”

Busto: “quen ten que mover ficha é o PP para cumprir as promesas de hai tres anos coa fusión”

Oza dos Ríos, 16 de xuño de 2016. O BNG-AA explicou que aínda non hai unha sentenza sobre o proceso de fusión que a terá que ditar o TSXG. “O que se fixo público hoxe foi as indicacións do Tribunal Constitucional, ao que se dirixiu o TSXG, para presentar unha cuestión de constitucionalidade sobre un dos aspectos do noso recurso que era o das maiorías precisas para aprobar a fusión dado que a lei do estado e a galega marcaban maiorías diferentes”, indicou a portavoz do BNG-AA en Oza e Cesuras, Estefanía Busto. “Mais, no noso recurso alegabamos tamén outros motivos como a falta de informes ou dun estudo económico-financeiro sobre o proceso e, sobre estes, terá que pronunciarse o TSXG esperamos que nas próximas semanas”, engadiu.

“En calquera caso, queremos deixar claro, que non é ao BNG a quen lle corresponde ‘mover ficha’ como declarou o alcalde aos medios de comunicación senón ao goberno que leva máis de 3 anos de atraso para cumprir as promesas da fusión”, ironizou a voceira nacionalista. “De todas as promesas do proxecto de fusión, dos postos de traballo na Ence e na Coca-Cola nin do instituto, nin do soterramento da vía do tren, nin de outras tantas promesas nada se soubo. O único que vimos é que 3 anos despois parece que finalizaron as obras da famosa escola infantil, ‘cerne’ da fusión. Ao alcalde e ao PP si que lle vai sendo hora de mover ficha”.

Desde o BNG insistiron en que o tempo demostrou que a fusión de Oza-Cesuras non solucionou ningún dos problemas da veciñanza e que foi unha operación ‘de laboratorio’, orquestrada desde o PP galego para tapar os problemas do País. “As fusións puntuais, de costas á veciñanza e sen un estudo serio das necesidades de servizos e dos recursos do concello quedou demostrado que non solución nin ao desemprego nin ao despoboamento dos nosos concellos. É necesario estudar dunha forma seria a situación e buscar solucións que non poden estar baseadas en meras campañas publicitarias”, concluíu.