Reclamamos no Pleno a xestión pública da conserxaría do CEIP de Cesuras

O BNG Asembleas abertas e Oza dos Ríos e Cesuras cuestiona procedemento para a contratación dunha empresa privada que empreste o servizo de conserxería, limpeza e mantemento no CEIP Forte Bragade de Cesuras. Desde o BNG defendemos a xestión pública é por iso que presentaremos unha moción no Pleno demandando a creación dunha praza de emprego pública para a contratación do persoal do colexio”

Reclamamos no Pleno a xestión pública da conserxaría do CEIP de Cesuras

 

Oza dos Ríos, 18 de agosto de 2016. O BNG Asembleas abertas e Oza dos Ríos e Cesuras cuestiona procedemento para a contratación dunha empresa privada que empreste o servizo de conserxería, limpeza e mantemento no CEIP Forte Bragade de Cesuras. “Desde o BNG defendemos a xestión pública, isto é, a convocatoria dun concurso oposición seguindo os principios de igualdade, mérito e capacidade no acceso ao emprego público, como di o Estatuto Básico do Empregado Público” indicou Estefanía Busto, voceira do BNG no concello de Oza-Cesuras; “é por isto que presentaremos unha moción no Pleno demandando a creación dunha praza de emprego pública para a contratación do persoal do colexio” anunciou a portavoz nacionalista.

“Defendemos a xestión pública porque é máis eficiente, máis barata e de mellor calidade e garante ademais a calidade do emprego”, explicou Busto. “A xestión privatizada só beneficia á empresa privada,  que efectivamente leva unha parte dos cartos públicos porque efectivamente a finalidade das empresas privadas é obter beneficio non prestar un servizo da mellor calidade posíbel”.

“Desde o BNG entendemos que estas formas de contratar persoal caciquís só levan á precariedade laboral e a perda de calidade nos servizos”, explicou a voceira do BNG “apostamos pola xestión directa do concello para evitar prácticas clientelares e corruptelas como as que estamos vendo a diario nos medios de comunicación”.

Contrato negociado sen publicidade

“Neste caso concreto, ademais, o procedemento de contratación é a través dun contrato negociado sen publicidade, ao tratarse dun contrato de 18 000 euros tradúcese na práctica na adxudicación a quen o alcalde queira; é certo que a lei permite esta forma de contratación, mais tamén é certo que nada lle impide ao goberno local facelo mediante concurso público e non o fan”, aclarou Busto.

“Este tipo de procedementos non garanten a mínima transparencia nin igualdade de oportunidades na contratación e pensamos que 18 000 euros mais IVE prorrogábeis outro ano até os 36 000 euros xa é unha contía da suficiente importancia como para sometelo a un concurso público”, concluíu Busto.