O BNG de Oza e Cesuras cualificou de “clientelar” a campaña de Nadal deseñada polo goberno local

nadal oza
nadal oza

Estefanía Busto: Parécenos unha actuación caciquil e populista que esta campaña se centre exclusivamente na figura do alcalde, que se presenta como intermediario entre os nenos e nenas e os Reis Magos.

O BNG de Oza e Cesuras cualificou de “clientelar” a campaña de Nadal deseñada polo goberno local

Oza dos Ríos, 3 de decembro de 2020. O BNG de Oza Cesuras cuestionou a campaña de nadal impulsada polo concello e personalizada na figura do alcalde e cualificouna de claramente “clientelar”. “Nas redes sociais do concello publicaron as bases dunha campaña de nadal destinada aos menores de 14 anos e na que poden escoller agasallos de dous establecementos comerciais do concello”, informou Estefanía Busto, voceira do BNG no concello.

“Desde o BNG entendemos que a situación económica derivada da crise da COVID 19 supón un problema para moitas familias e para o pequeno comercio, mais tamén entendemos que estas non son as maneiras de proceder” explicou Busto, “Hai mecanismos democráticos para fomentar o comercio local, coma subvencións por concorrencia competitiva, plataformas para fomentar a venta a través da internet ou mesmo descontos para as familias que o precisen, pero os agasallos que os Reis Magos envían con cartos públicos a través do alcalde parécenos completamente fora de lugar”, apuntou Busto.

“Do mesmo xeito, parécenos unha actuación caciquil e populista que esta campaña se centre exclusivamente na figura do alcalde, que se presenta como intermediario entre os nenos e nenas e os Reis Magos. O que precisan os menores de Oza e Cesuras e as súas familias son uns servizos públicos de calidade, pediatría ou transporte público, non un agasallo do alcalde que insistimos se financia con cartos dos impostos de toda a veciñanza”, concluíu Busto.
O BNG de Oza e Cesuras cualificou de “clientelar” a campaña de Nadal deseñada polo goberno local