Houbo unha falta de previsión na contratación do conserxe para o CEIP de Cesuras

O BNG Asembleas abertas de Oza e Cesuras criticou a falta de previsión do goberno municipal ante a contratación dunha persoa para os labores de conserxaría e mantemento do CEIP O Forte-Bragade de Cesuras

Houbo unha falta de previsión na contratación do conserxe para o CEIP de Cesuras

O BNG Asembleas abertas de Oza e Cesuras criticou a falta de previsión do goberno municipal ante a contratación dunha persoa para os labores de conserxaría e mantemento do CEIP O Forte-Bragade de Cesuras, “con data do 12 de agosto o concello sacou a concurso esta praza, mais quedou deserto, hoxe vólveno sacar subindo o prezo de 18 000 a 19 500 euros”, explicou Estefanía Busto, voceira do BNG no concello.

“O novo anuncio foi publicado hoxe, dando 8 días de prazo para a presentación de ofertas, polo que este rematará o día 10 e o curso escolar comeza o luns 12 de setembro, polo que os prazos previstos non garanten que ese día haxa unha persoa para cubrir esa praza” denunciou a portavoz nacionalista, “do mesmo xeito, o persoal docente xa se incorporou ao seu traballo, sen persoal que realice os labores administrativos e de mantemento” denunciou Busto.

“Desde o BNG seguimos a defender a xestión pública porque é máis eficiente, máis barata e de mellor calidade e porque garante a calidade do emprego”, explicou Busto. “A xestión privatizada só beneficia á empresa privada, que efectivamente leva unha parte do beneficio porque non é unha ONG, o que repercute na calidade do servizo, como estamos a ver”, concluíu Busto.