O BNG-Asembleas abertas de Oza e Cesuras organiza unha charla sobre o "catastrazo"

O BNG Asembleas abertas de Oza e Cesuras organiza o vindeiro domingo unha charla informativa sobre o catastrazo, “nestes días están a chegar as cartas comunicando a revisión catastral, esta revisión suporá un importante incremento do IBI gravando novamente a economía das veciñas e veciños

O BNG-Asembleas abertas de Oza e Cesuras organiza unha charla sobre o "catastrazo"

Oza dos Ríos, 22 de abril de 2016. O BNG Asembleas abertas de Oza e Cesuras organiza o vindeiro domingo unha charla informativa sobre o catastrazo, “nestes días están a chegar as cartas comunicando a revisión catastral, esta revisión suporá un importante incremento do IBI gravando novamente a economía das veciñas e veciños” informou Estefanía Busto, voceira do BNG. “A reunión terá lugar no local da Asociación Veciñal de Bandoxa, no lugar de Bando, o domingo ás 17:00 h. e explicaremos ás veciñas e veciños as consecuencias que terá está revisión e ofreceremos un modelo de alegación; convidamos a toda a veciñanza a que asista e se informe das súas posibilidades”, engadiu a voceira nacionalista.

As nacionalistas explican que tamén presentaron unha moción no concello na que solicitan que se paralice este proceso, que terá unhas consecuencias gravísimas na economía local, “esta medida é continuadora das políticas fiscais do PP, que se caracterizou por realizar subidas xeralizadas nos impostos que pagan as maiorías sociais” informa Busto, “esta regularización catastral implica o pagamento dunha taxa de 60 € por cada alta no Catastro, e ademais implicará un aumento do valor catastral do inmoble revisado e, polo tanto, incrementará tamén a base impoñible do IBI. Iso tamén pode ter repercusión indirecta noutros impostos (IRPF, plusvalía municipal, sucesións) e mesmo incluso en subvencións públicas como as becas escolares dado que teñen módulos patrimoniais referenciados no catastro como límites obxectivos para accederen á ditas axudas” informou a concelleira do BNG.

 

Esta regularización catastral implica o pagamento dunha taxa de 60 € por cada alta no Catastro, e ademais implicará un aumento do valor catastral do inmoble revisado e, polo tanto, incrementará tamén a base impoñible do IBI.

 

“Ao longo de 2015 e 2016, a Dirección Xeral do Catastro activou en Galiza dito proceso extraordinario de regularización catastral, afectando aproximadamente ao 60 por 100 dos concellos, en concreto a día de hoxe en 186 dos 314 existentes, entre os que se inclúe o de Oza-Cesuras” explicou Busto. “A maior parte de ditos concellos son eminentemente rurais, precisamente aqueles que presentan índices de renda per capita máis baixo non se librarán do catastrazo” concluíu a concelleira nacionalista.