O BNG reclamou en Miño q a fiscalía actúe contra os responsábeis de Costa Miño Golf

Henrique Abraira e Francisco Jorquera no encontro cos afectados
O BNG reclamou en Miño q a fiscalía actúe contra os responsábeis de Costa Miño Golf

Henrique Abraira e Francisco Jorquera no encontro cos afectados

Miño, 21 de maio de 2014. O voceiro do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, mantivo un encontro coas persoas afectadas polas expropiacións de Costa Miño Golf para valorar alternativas logo de que o Tribunal Supremo condenase ao Concello a pagar 21 millóns de euros polas expropiacións, ademais dos xuros de demora e costas do proceso.

O deputado nacionalista comprometeuse coa veciñanza a trasladar o asunto ao Parlamento de Galiza. “Xa levamos a condea contra o Concello en agosto do ano pasado e aínda estamos agardando a que o PP teña a ben contestarnos”, explicou Jorquera. “Resulta palmario, que o concello de Miño non defendeu o interese xeral, nin os dereitos dos veciños e veciñas afectados, actuando claramente para beneficiar a unha empresa privada”, asegurou o nacionalista.

“Esta sentenza prodúcese despois dun longo proceso xudicial, no que se puxeron de manifesto numerosas irregularidades en todo o procedemento seguido” engaden desde o BNG. “De feito, no ano 2006 outra sentenza do TSXG anulara as expropiacións, en base ás irregularidades levadas a cabo no proceso que non se axustaban ao establecido na lexislación vixente”,  lamentaban os parlamentares do BNG na iniciativa presentada en agosto de 2013 na Cámara do Hórreo.

Jorquera comprometeuse a seguir presionando no Parlamento para exixir ao PP un acordo que poña fin a esta situación

Neste sentido, aseguran que “a situación xerada no Concello de Miño é unha mostra máis dos graves problemas que xera o modelo urbanístico que defende o PP, que destroza o territorio e acaba repercutindo de xeito negativo no conxunto da poboación”.

“A Fiscalía debe actuar contra os responsábeis desta xestión urbanística neglixente que dun xeito descarado pretendía favorecer a Fadesa en contra dos veciños e veciñas de Miño”, engadiu Henrique Abraira, do BNG de Miño. “A política do PP só busca enriquecer a uns poucos a costa dos expropiados e da veciñanza de Miño”, engaden. “Terán que aclarar que intereses defenden, aínda que semella bastante obvio que non son os da veciñanza de Miño”, inciden.

“Nin Jesús Veiga nin ningún dos concelleiros do PP que antepuxo a comenencia de Fadesa ao interese da veciñanza teñen lexitimidade para sentarse no Concello nin un minuto máis”, explicou Abraira. Por este motivo, os nacionalistas exixen ao goberno conservador “que asuman as súas responsabilidades e dimitan”.

Outra iniciativa para paralizar a macrourbanización do monte Piñeiro

Logo de que o goberno local do PP anunciase que para facer fronte ás indemnizacións multimillonarias de Costa Miño Golf pretendía apurar os prazos e promover outra macrourbanización en Monte Piñeiro, o BNG rexistrou outra batería de iniciativas no Parlamento demandando á Xunta que paralizase este “despropósito”. “Nin coa ORA nin con outra macrourbanización que ninguén vai comprar porque as promotoras están en concurso de acreedores vai ter solución o furado de Costa Miño Golf”, insistiu Henrique Abraira. “O primeiro é que o goberno local o PP se vaia á súa casa e que a Fiscalía tome cartas no asunto, e logo haberá que articular solución entre o Concello e a Xunta”, concluíu.

O BNG reclamou en Miño q a fiscalía actúe contra os responsábeis de Costa Miño Golf