O BNG reclama á Xunta que busque un lugar mais axeitado para a depuradora de Gandarío

O BNG reclama á Xunta que busque un lugar mais axeitado para a depuradora de Gandarío

Bergondo, 18 de xullo de 2013. O BNG ven de presentar varias iniciativas no Parlamento Galego para reclamar que se paralicen de xeito inmediato todos os procedementos administrativos iniciados para a construción da depuradora de Gandarío e que se desbote o emprazamento previsto a carón da praia.

Desde o BNG reclaman á Xunta que “estude outras alternativas que teñan o menor impacto ambiental e social posíbel, para completar a depuración de augas residuais no concello de Bergondo”.

O BNG ven de presentar varias iniciativas no Parlamento Galego reclamando que se paralicen as expropiacións e que se contemplen outras ubicacións para o EDAR

O Bloque Nacionalista Galego ven defendendo desde hai anos a necesidade de buscar un emprazamento máis axeitado á depuradora que a Xunta de Galiza prevé construír en Gandarío. “De feito, na fase de exposición pública, presentamos alegacións ao mesmo ao considerarmos que esta opción ía ter unha negativa repercusión medioambiental xa que afecta a un espazo protexido”, explicaron desde o BNG, “hai outras alternativas viábeis que non ocasionan  estes prexuízos”.

Hai poucos días fixéronse públicos informes elaborados polos técnicos da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión de Recursos Mariños da Consellería de Mar, que sinalan que a depuradora de Gandarío ‘conleva un alto risco de empeorar a calidade microbiolóxica das augas, con incidencia negativa nas zonas de baño e de produción de moluscos. “Estes informes véñennos dar a razón na postura que historicamente defendemos desde o BNG, que é necesario por suposto solucionar o problema de depuración na ría, cousa que se fixo aínda mais evidente estes días co fallo da depuradora de Sada, mais a praia de Gandarío non é o lugar apropiado para construír unha EDAR”, indicaron os nacionalistas.

“Esta ubicación da depuradora suporía un paso máis na degradación dunha zona de grande riqueza marisqueira e repercutiría negativamente na economía de Bergondo, que xa é o concello con maior taxa de desemprego da comarca”

“Estes informes da Consellería do mar contemplan a posibilidade de que a ubicación elixida para a depuradora implique ‘que non se podan explotar os bancos marisqueiros nas zonas de produción’ o que sería un paso máis na degradación dunha zona de grande riqueza marisqueira e repercutiría negativamente na economía de Bergondo, que xa é o concello con maior taxa de desemprego da comarca”, criticaron desde o BNG.

Os nacionalistas fixeron público o seu apoio ás demandas dos veciños e veciñas e que acudirán esta tarde á reunión que teñen convocada para valorar posíbeis accións a realizar para impedir a construción da depuradora a carón da praia de Gandarío.

O BNG reclama á Xunta que busque un lugar mais axeitado para a depuradora de Gandarío