O BNG leva de novo a depuradora de Gandarío a Bruxelas

O BNG leva de novo a depuradora de Gandarío a Bruxelas

acto gandarioBergondo, 21 de abril de 2014. O BNG preguntou de novo á Comisión europea sobre a construción dunha depuradora en Gandarío. A candidata do BNG, Ana Miranda, comprometérase a realizar esta nova pregunta nun encontro con veciños e veciñas en Gandarío.

Nesta pregunta, a nacionalista aproveitou para denunciar que “o Concello de Bergondo ao que pertence a Praia de Gandarío, se nega reiteradamente a cumprir a directiva europea sobre información ambiental do ano 2003 e non permite consultar o proxecto construtivo nin facilita copia deste”.

Ana Miranda presentou esta nova iniciativa antes que se pechase a lexislatura do Parlamento europeo para ampliar os datos presentados na anterior e que poderían ser de relevancia na investigación, que grazas a iniciativa da nacionalista, levará a cabo a comisión sobre a ubicación desta depuradora.

“O lugar onde estaría situado incumpriría ademais a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, por tratarse dun chan rústico e tratarse dunha construción de máis de oito metros de alto, ademais doutras normativas como o Plan de protección do Litoral (POL)”, explicou Miranda.

“Na resposta a unha pregunta anterior sobre o mesmo tema, a Comisión informaba que pediría información ás autoridades competentes. Polo tanto pedimos á Comisión europea que nos informe da resposta dos gobernos español e galego, asi como do Concello de Bergondo?”, explicou Miranda.

“A construción da depuradora nesta ubicación suporía a destrución dun hábitat de interese comunitario e tería afectación nos bancos marisqueiros”, explicou David Carro do BNG de Bergondo, quen reclamou da alcaldesa transparencia. “Exiximos a alcaldesa, non só que permita á veciñanza acceder ao proxecto se non que o propio goberno, explique aos veciños e veciñas, como se comprometeu a facer, en que consiste. Non pode ser que esteamos lendo nos medios noticias que anuncian a construción inminente  e sigamos sen saber en que consiste exactamente a obra”.

O BNG leva de novo a depuradora de Gandarío a Bruxelas