O BNG exixe responsabilidades ao goberno local pola súa inactividade na ampliación da Pedralba

O BNG exixe responsabilidades ao goberno local pola súa inactividade na ampliación da Pedralba

Bergondo, 22 de xullo de 2013. O BNG denuncia a pasividade do goberno local de Bergondo nas obras sen licenza do clube de tenis A Pedralba. “Falando coloquialmente por uns e por outros a casa sen varrer”, critican os nacionalistas.

“Vimos de recibir resposta da Xunta de Galiza as nosas preguntas Parlamentarias e derivan toda a responsabilidade no Concello de Bergondo, gobernado por PSOE e VB”, indican os nacionalistas, “ é desolador saber que estamos sostendo con cartos públicos unha Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e que a Xunta que é a responsábel desta axencia se desentende deste tema”.

“Non sabemos se a alcaldesa tiña coñecemento de que a competencia sobre autorizacións en solo rústico é dos concellos desde a última modificación da lei do solo, hai xa algúns anos”, explicaron desde o BNG, “non queremos pensar que o Concello intentou gañar tempo para permitir que as obras rematasen”.

“Se chega a ser un veciño ou veciña o que executa unha obra sen licenza hai tempo que estaría paralizada”

Os nacionalistas criticaron que tanto o PP, na Xunta e na Deputación, como o PSOE e VB no Concello permitiran malgastar cartos públicos nunha obra claramente ilegal. “Non sabemos que intereses están a defender neste caso uns e outros pero temos claro que a lei debe ser igual para todos”, aseguraron desde o BNG, “se chega a ser un veciño ou veciña o que executa unha obra sen licenza hai tempo que estaría paralizada”.

Desde o BNG afirmaron que é inmoral nos tempos que corren gastar 8.900 euros de cartos públicos na ampliación ilegal dunhas pistas de tenis privadas. “Se algún dia a administración decide actuar esperamos que exixan a devolución destes cartos e mais os xuros”, concluiron os nacionalistas.

O BNG exixe responsabilidades ao goberno local pola súa inactividade na ampliación da Pedralba