O BNG denuncia unha suba das taxas en Oza e Cesuras malia o que afirma o PP

Estefanía Busto, concelleira do BNG no Pleno
O BNG denuncia unha suba das taxas en Oza e Cesuras malia o que afirma o PP

Estefanía Busto, concelleira do BNG no Pleno

Oza dos Ríos, 23 de novembro de 2013. O BNG votou hoxe en contra das ordenanzas fiscais do goberno local do PP por considerar que “castigan á veciñanza para favorecer a dúas empresas multinacionais que nin sequera está asegurado que se vaian instalar aquí”, segundo denunciou a voceira do BNG, Estefanía Busto.

“É escandaloso que o PP poña para o servizo da traída municipal dúas taxas distintas, unha para Oza e outra para Cesuras”, denunciou a edila do BNG. “Xuntar as anteriores ordenanzas  e grapalas por xunto non é refundir as taxas”, indicou graficamente. A taxa aprobada polo PP supón que en diante pagaranse 0,25 euros por metro cúbico en Cesuras e 0,57 en Oza, e que mentres que en Oza hai unha taxa de 420 euros por enganchar un domicilio á rede de abastecemento, en Cesuras esta taxa non se cobrará. “Con dous secretarios no Concello, deberían saber que isto é completamente irregular”, advertiu a nacionalista.

“É escandaloso que o PP poña para o servizo da traída municipal dúas taxas distintas, unha para Oza e outra para Cesuras”

Os nacionalistas advertiron de que na actualidade é ilegal establecer tarifas distintas para servizos como o saneamento en función de se os usuarios están ou non empadroados no Concello. “O PP establece unha cota de 220 euros polo saneamento para non residentes e empresas e 110 para as persoas empadroadas no Concello”, explican. “No Concello do lado, Betanzos, levan anos a voltas cunha denuncia por este tipo de discriminación e lonxe de aprender, o PP pretende provocar a mesma situación no noso Concello”, advirte Busto.

“É escandaloso que se prevea unha cota especial para o saneamento de empresas que usan só parcialmente a traída municipal pero que botan á rede municipal de sumidoiros unha cantidade superior á que consumen da traída”, indica Busto. Os nacionalistas recordan que esta situación precisamente era a aprevista para a Coca-Cola na modificación do Plan Xeral, xa que ía captar boa parte da auga para o seu proceso industrial do río Mero.

As prebendas para CocaCola e ENCE teñen outro punto escandaloso ao quedar exentas do 95% do imposto de obras e construccións, redactado polo PP á súa medida. “Mentres que a estas dúas multinacionais se lles perdoa canto tributo tiñan que pagar no Concello, ás vivendas ou oficinas a taxa do lixo pasa de 82 a 97 euros”, explican desde o BNG. Os nacionalistas advirten que tamén na taxa do lixo o PP prevé unha tarifa ilegal diferenciando quen estea empadroado no municipio ou non. “Esta distinción exixiu suprimila a directiva de servizos da Unión Europea e os grandes valedores da Europa da especulación crean estas diferenciacións que antes non había”, ironizan desde o BNG.

“As vantaxes que aseguraba o PP que ía supoñer a fusión polo de agora non se ven por ningures, o único beneficiado de momento é o alcalde, que triplicou o seu salario de 1360 a 4006 euros”

“Non pode ser que se lle suban os tributos aos particulares e pequenos negocios para que paguen eles a instalación das dúas grandes empresas que leva o PP prometendo desde que empezaron coa leria da fusión”, asegura a voceira nacionalista. “O alcalde asegura que quere crear un paraíso fiscal no concello pero debería empezar explicando como vai controlar que CocaCola ou ENCE, se é que veñen, non van contratar persoas de Curtis ou Betanzos para poder darlles semellante trato de favor”, indica.

“As vantaxes que aseguraba o PP que ía supoñer a fusión polo de agora non se ven por ningures, o único beneficiado de momento é o alcalde, que triplicou o seu salario de 1360 a 4006 euros”, denuncia.

O BNG denuncia unha suba das taxas en Oza e Cesuras malia o que afirma o PP