O BNG denuncia que o PP está a desviar a atención sobre a suba das taxas

O BNG denuncia que o PP está a desviar a atención sobre a suba das taxas

Estefanía Busto, portavoz do BNG en Oza dos Ríos

Oza dos Ríos, 29 de novembro de 2013. O BNG denunciou o carácter inxusto das taxas aprobadas polo PP para o concello fusionado de Oza e Cesuras. “Prometíannos beneficios coa fusión, mais o certo é que non hai ningunha bonificación para colectivos desfavorecidos, nin familias en risco de exclusión social, nin vítimas de violencia machista, só van favorecer ás grandes empresas a costa de toda a veciñanza”, denunciou Estefanía Busto, voceira do BNG na xunta xestora do municipio.

A edila do BNG advirte de que as únicas bonificacións previstas nas ordenanzas aprobadas polo PP son “descontos de case a totalidade das taxas e impostos para ENCE e CocaCola, que está por ver se chegan a establecerse aquí”. Os nacionalistas denuncian que o PP descúlpalles o 95% do imposto de construccións e descúlpalles a taxa de saneamento cunha ordenanza feita a medida, entre outros beneficios. “O PP esquece que, a día de hoxe, quen xera emprego no noso concello son as pequenas e medianas empresas, non ENCE nin CocaCola, mais para aquelas tampouco hai ningunha bonificación”, engadiu a concelleira nacionalista.

Ademais, Busto insiste en que as taxas aprobadas polo PP establecen “unha distinción ilegal entre censados e non censados para a taxa da traída ou a do lixo”. “Co agravante de que a traída prevé dúas tarifas distintas, ademais, segundo residas en Oza ou Cesuras, cando o certo é que o servizo de traída en Cesuras non se está dando pero síguese cobrando”, advertiu.

Estefanía Busto: Mentres debaten sobre cantas liberacións precisa o concello o PP sóbenos as taxas e crea beneficios fiscais para dúas multinacionais

Sobre a taxa do lixo, que sube para as vivendas ou oficinas de 82 a 97 euros, Busto explicou que “logo de que todos os alcaldes de Galiza, excepto os do PP, obrigasen á Xunta a adiar a suba do canon de SOGAMA non hai xustificación para subira  taxa aquí”. “A non ser que pretendan que co lixo paguemos o salario do alcalde”, ironizou.

Servizo de madrugadores só para Oza dos Ríos

Busto indicou tamén que no pleno da xestora acordouse crear un servizo de madrugadores. “Aínda que a ordenanza di que é para todo o territorio do concello, máis adiante di que o servizo será só prestado no colexio de Oza”, indica. “Agardamos que non sexa o primeiro paso para pechar o colexio de Cesuras e engadir outra conta ao rosario de mentiras que arrastra a fusión”, engadiu.

Manda máis unha televisión privada que o Pleno do Concello

Os nacionalistas lamentaron o espectáculo mediático ofrecido polo alcalde, o popular González Cacheiro, ao anunciar nunha tertulia televisiva a baixada do salario que o Pleno aprobou triplicarlle. “Todo este baile de salarios e dedicacións non é máis que o resultado dunha mala xestión, desde que comezou o proceso de fusión, o BNG exixiu un plan de viabilidade que nunca chegou e as consecuencias vainas pagar a veciñanza” denunciou Busto.

Desde o BNG cuestionan tamén “as distintas posturas do PSOE sobre a suba de soldos no Concello”. Así, denuncian que “o PSOE non é coherente, por unha banda critican o excesivo gasto en órganos de goberno e por outra, piden máis dedicacións”. Estefanía Busto lamentou que “no Pleno o PSOE evitou valorar a suba do soldo do alcalde dicindo que era ‘algo elevada’ e pedindo outra dedicación exclusiva para Cesuras, despois o PSOE de Cesuras critica o que permitiron os seus concelleiros e logo o voceiro do PSOE de Oza volve con pedir máis salarios”. “Non entendemos que defendadan isto, se pretenden facer unha delegación en Cesuras, para que nos fusionan?” cuestionou Busto

“O gasto total en órganos de goberno ascende a 111 685 euros, é unha cifra escandalosa, e o PSOE  aínda quere máis, para uns e outros o que menos importa son as veciñas e veciños, mentres debaten sobre cantas liberacións precisa o concello o PP sóbenos as taxas e crea beneficios fiscais para dúas multinacionais” concluíu Busto.

O BNG denuncia que o PP está a desviar a atención sobre a suba das taxas