O BNG cuestiona o estrago de 41 000 euros na cuberta dunha praza cando a traída continúa mal

O BNG cuestiona o estrago de 41 000 euros na cuberta dunha praza cando a traída continúa mal

Estefanía Busto, concelleira do BNG de Oza dos Ríos

Oza dos Ríos, 31 de xaneiro de 2014. “É un escándalo que Concello e Deputación tiren 41 000 euros en cubrir a praza de Cutián mentres a traída municipal segue estragada”, asegurou Estefanía Busto, voceira do BNG en Oza dos Ríos.

Os nacionalistas cuestionan que o PP antepoña cubrir unha praza a priorizar “servizos esenciais para a vida da veciñanza, como o subministro de auga”. A voceira do BNG recordou que a traída da auga de Cesuras continúa con problemas “ao punto de que se recomendou non usar a súa auga para consumo humano e o colexio de Cesuras ten que comprar auga embotellada para funcionar”.

“Mentres isto acontece, o PP decide fundir 41 000 euros de todas e todos en poñerlle un paraugas xigante ao monolito que nos recorda que aquí houbo un alcalde que escapou sen dar explicación cando trascendeu que foi condenado por estafa”, engaden.

“Gastar 41 000 euros para cubrir o campo da festa parece demasiado cando hai necesidades como a traída da auga sen atender”

“O PP fartouse de vender que a fusión de Oza e Cesuras prometía melloras para as veciñas e veciños e polo momento a única mellora é a cuberta da praza” ironiza Busto. “Gastar 41 000 euros para cubrir o campo da festa parece demasiado cando hai necesidades como a traída da auga sen atender”, asegura.

“Ademais do escandaloso da cifra, dado a actual contexto de crise, parécenos bastante reprobábel que se destinen estes cartos en facerlle honores a un condenado por fraude” explicou a voceira nacionalista. Desde o BNG cuestionan que se manteñan as honras públicas ao exalcalde, “non parece que alguén condenado por estafar a outras persoas sexa digno de ser homenaxeado publicamente”

O BNG cuestiona o estrago de 41 000 euros na cuberta dunha praza cando a traída continúa mal