O BNG anuncia alegacións aos orzamentos de Bergondo

O BNG anuncia alegacións aos orzamentos de Bergondo

davidBergondo, 6 de marzo de 2013. O BNG criticou que o goberno local do PSOE aprobara os orzamentos en Xunta de goberno local en lugar de escoitar á veciñanza e intentar chegar a acordos.

“Parécenos vergoñento o espectáculo que está dando o PSOE, mentres Caamaño anuncia iniciativas para recurrir a nova lei de administración local é o propio PSOE o primeiro en aplicala”, advirten os nacionalistas. “O primeiro concello da comarca en aplicar esta lei é un concello gobernado polo PSOE,  non sei se é que non se falan entre eles ou non len a prensa”, ironizou David Carro do BNG de Bergondo. “Está claro que o único obxectivo do PSOE e manterse no poder en Bergondo a toda costa, incluso contradecindo a liña política do seu propio partido”, engadiu.

Os nacionalistas consideran dubidosa a legalidade desta aprobación, “ao ser o primeiro concello que intenta evitar dar participación á veciñanza e aos outros grupos políticos, non está claro se esta aprobación é ou non legal. Como consecuencia e só para manterse no poder, está levando ao concello a unha situación de absoluta inseguridade”, criticou Carro.

“Se a actuación do PSOE busca o interese da veciñanza e evitar un novo orzamento prorrogrado, ao mellor o mais sinxelo era dar participación á veciñanza en lugar de intentar aprobalo pola porta de atrás”, indicou Carro.

Os nacionalistas consideran que con esta ‘manobra’ o goberno local demostra a súa tremenda debilidade e as súas ansias de perpetuarse como sexa no poder. “Se de verdade tivese como única intención servir á veciñanza tería presentado unha cuestión de confianza para aprobar os orzamentos. Mais o PSOE prioriza manterse no poder sobre escoitar a veciñanza para a que di gobernar”, indicou David Carro.

As nacionalistas anunciaron alegacións ao orzamento

“O BNG vai presentar alegacións a este orzamento, xa que nos parece totalmente fóra da realidade, para tentar que se teñan en conta as nosas propostas”, explicou Carro.

“Se de verdade o PSOE tivese como única intención servir á veciñanza tería presentado unha cuestión de confianza para aprobar os orzamentos. Mais o PSOE prioriza manterse no poder sobre escoitar a veciñanza para a que di gobernar”.

“Bergondo lidera a estatística de desemprego nas Mariñas e o PSOE prevé destinar a políticas de fomento do emprego tan só 15 000 euros”, advirte o nacionalista. “Pola contra, prevé fundir este 2014 uns 36 500 euros en festas”, indica. “É unha maneira un tanto irresponsábel de queimar os cartos de todas e todos no concello con máis paro da comarca”, insisten.

Desde o BNG tamén cuestionan os 72 500 euros que o executivo do PSOE pretende repartir “a dedo” entre “as entidades e colectivos que ao PSOE lle peta por motivos que non aclara”. Así, aseguran que o executivo local tan só prevé 12 800 euros para repartir nunha convocatoria pública á que poidan concorrer todas as asociacións en igualdade de oportunidades. “Cos cartos de toda a veciñanza o PSOE pretende facer electoralismo en lugar de atender as verdadeiras necesidades de Bergondo”, advirten.

O BNG anuncia alegacións aos orzamentos de Bergondo