Trasladaremos ao Parlamento galego a situación do servizo sanitario na comarca das Mariñas

Centro de saúde de Miño
Centro de saúde de Miño

Trasladaremos de novo esta problemática que se está repetindo en toda a comarca e noutros concellos do País polos recortes do PP na sanidade pública ao Parlamento e esixiremos persoal abondo para un servizo de sanidade público de calidade

Trasladaremos ao Parlamento galego a situación do servizo sanitario na comarca das Mariñas

Betanzos, 18 de xullo de 2019. O BNG anunciou que trasladará ao Parlamento galego a situación do servizo sanitario na comarca das Mariñas. “No día de hoxe tivemos coñecemento da falta de pediatra en Miño e Paderne, debido a que non se substituían as vacacións do persoal, que estaba sendo derivado a Bergondo para a atención pediátrica, porque en Betanzos tamén se encontra o servizo en precario pola falta de persoal”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.

Os recortes sanitarios na nosa comarca veñen de lonxe, xa no mes de agosto de 2012 o noso grupo denunciaba no Parlamento recortes na area de pediatría do centro de saúde do Carregal en Betanzos. Nos últimos anos a Consellería decidiu non cubrir as baixas, en servizos xa en precario e compartidos por diferentes concellos na nosa comarca. “Hai 15 días tivemos coñecemento de que en Aranga deixaron sen cubrir o servizo médico e derivando todos os pacientes ao centro de saúde de Muniferral. Sen ir mais lonxe onte e antonte o servizo médico na Castellana carecía de médico”, engadiu a responsábel nacionalista.

“En Miño está habendo tamén problemas porque hai só 2 médicos que teñen que cubrir a outra persoa de vacacións ademais dos desprazados e as urxencias, nun concello que ve especialmente incrementada a súa poboación no verán”, indicou López. Trasladaremos de novo esta problemática que se está repetindo en toda a comarca e noutros concellos do País polos recortes do PP na sanidade pública ao Parlamento e esixiremos persoal abondo para un servizo de sanidade público de calidade.