Trasladamos ao Parlamento os problemas polos recortes en sanidade nas Mariñas

Centro de saúde e de especialidades de Betanzos
Centro de saúde e de especialidades de Betanzos

Pedimos no Parlamento galego que se asignen 100 mil euros a maiores para contratar persoal e cubrir así as baixas en todos os servizos que quedan sen atender cando hai vacacións, licenzas ou ausencias e que repercuten negativamente no servizo que recibimos. Así como, asignar outros 200 mil euros para garantir o persoal de Pediatría no centro de saúde de Betanzos.

Dende o BNG animaron ademais á veciñanza da comarca a participar na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade pública ás 12 h. en Santiago en contra dos recortes e en defensa dunha sanidade pública de calidade.

Trasladamos ao Parlamento os problemas polos recortes en sanidade nas Mariñas

Betanzos, 29 de xaneiro de 2018. O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento pedindo persoal e recursos para un servizo sanitario de calidade na comarca das Mariñas. “A comarca das Mariñas está a sufrir desde hai anos un crecente deterioro da sanidade pública, froito dos reiterados recortes orzamentarios dos gobernos da Xunta e do Estado”, explicou a responsábel do BNG na comarca, Cristina López. “Os recortes en sanidade afectan desde anos atrás ao persoal e ao estado das infraestruturas, e estas dúas, por súa vez, afectan moi negativamente, por forza, á calidade da atención ás persoas usuarias do sistema de sanidade pública galega, como demostran as queixas continuas que trasladamos aos Plenos e das que nos fixemos eco nos últimos anos”, engadiu a nacionalista.

Dende o BNG denuncian que “os recortes na nosa comarca veñen de lonxe. Na pasada lexislatura, aló polo mes de agosto de 2012, o noso grupo denunciaba no Parlamento xa recortes na área de pediatría do centro de saúde do Carregal, en Betanzos, referencia para a poboación de Coirós, Paderne, Aranga e Irixoa”, indicou Cristina López. “Nos últimos dous anos, a Consellaría decidiu non cubrir as vacacións de verán da única pediatra do centro betanceiro. Pero non se trata apenas das vacacións estivais: a negativa do SERGAS a cubrir permisos, baixas e licenzas está a obrigar á outra pediatra e aos médicos de familia de Betanzos e comarca a asumiren a atención dos nenos que quedaron sen a súa pediatra. En definitiva, esta negativa do goberno do PP a cubrir as baixas na área de Pediatría repercute na calidade e prestación do servizo, debido ao atraso que isto provoca nos controis de idade para as crianzas”.

As nacionalistas denuncian que non se trata dunha situación puntual do servizo de Pediatría de Betanzos, senón que lamentabelmente se ten convertido xa en práctica habitual, tamén, nos servizos de matrona e de Xinecoloxía, e dáse nas restantes consultas de maneira usual. A isto veu engadirse a finais de 2017 a falta de cobertura en Betanzos das vacacións do persoal de urxencias psiquiátricas, que obrigou a pechar o servizo e a derivar pacientes ao CHUAC até o pasado 9 de xaneiro. É evidente o trastorno que este peche ocasionou a doente do concello de Betanzos e a súa comarca, contribuíndo de paso ao colapso do hospital coruñés.

“Así é que a deterioración progresiva dos diferentes servizos do centro de saúde de Betanzos obriga a botar man, por desgraza, dos servizos de urxencias á mínima ocasión, con desprazamentos ao hospital Teresa Herrera e ao CHUAC e o conseguinte colapso das urxencias. A Consellaría apúrase a culpar os usuarios e usuarios do colapso, cando o culpábel, o verdadeiro responsábel é o conselleiro”, criticou a portavoz nacionalista.

“Nos últimos cinco anos, o BNG presentou de maneira insistente moitas emendas á Lei de Orzamentos da Xunta en demanda de, cando menos, maiores fondos para persoal. Porén, a resposta do goberno galego ten sido a de perseverar no recortes orzamentarios”, censurou Cristina López. S2irva de exemplo a situación en Aranga, onde o centro de saúde de Muniferral, avisaba, mediante un comunicado que durante o mes de agosto do pasado verán iría reducir o seu horario para asistencia sanitaria urxente. Para o resto de horas, o SERGAS remitía ao centro de Betanzos onde, como vimos dicindo, non se cobren as baixas ou se deriva os doentes á Coruña. Iso en agosto; apenas un mes e medio máis tarde, o SERGAS derivaba pacientes do centro de saúde da Castellana e aquelas persoas necesitadas de atención médica non urxente ao centro de saúde de Présaras, no concello de Vilasantar. Por último, a finais de ano os centros de saúde de Aranga estiveron sen médico na metade do tempo de apertura durante tres días”.

Por todo isto, o BNG pediu no Parlamento galego que se asignen 100 mil euros a maiores para contratar persoal e cubrir así as baixas en todos os servizos que quedan sen atender cando hai vacacións, licenzas ou ausencias e que repercuten negativamente no servizo que recibimos. Así como, asignar outros 200 mil euros para garantir o persoal de Pediatría no centro de saúde de Betanzos.

Apoio a manifestación do domingo 4 de xaneiro

Dende o BNG animaron ademais á veciñanza da comarca a participar na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade pública ás 12 h. en Santiago en contra dos recortes e en defensa dunha sanidade pública de calidade.