Repartimos pegatinas para os agasallos en apoio ao comercio local

O BNG repartirá pegatinas para os agasallos polos comercios de Betanzos e a comarca para apoiar o comercio local e animar ao consumo de produtos galegos. Con esta proposta queren tamén contribuír á normalización do uso de galego tamén nestas datas.

Repartimos pegatinas para os agasallos en apoio ao comercio local

Betanzos, 20 de decembro de 2017. O BNG repartirá pegatinas para os agasallos polos comercios de Betanzos e a comarca para apoiar o comercio local e animar ao consumo de produtos galegos. Con esta proposta queren tamén contribuír á normalización do uso de galego tamén nestas datas.

“Con esta campaña pretendemos defender o pequeno comercio galego, os produtos propios e a súa etiquetaxe en galego como maneira de dinamizar a economía de Betanzos e da nosa comarca”, explicou a responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López. Desde o BNG explicaron a importante produción de produtos de calidade, sobre todo, de todo o relacionado co sector primario e da necesidade de fomentar o consumo destes produtos como forma de dinamizar a economía nos concellos rurais da comarca das Mariñas. “Trátase de produtos de gran calidade e que contan cunha enorme potencialidade para permitir tamén fixar poboación na nosa comarca”, indicou a portavoz nacionalista.

Con esta campaña pretendemos defender o pequeno comercio galego, os produtos propios e a súa etiquetaxe en galego como maneira de dinamizar a economía de Betanzos e da nosa comarca. Con esta proposta queremos tamén contribuír á normalización do uso de galego tamén nestas datas

“Trátase tamén dunha aposta polas nosas feiras e mercados tradicionais en oposición ás políticas de implantación de grandes superficies comerciais de capital transnacional que están afogando os pequenos negocios”, engadiu. “En Betanzos o comercio é un sector estratéxico que está sufrindo moito pola implantación de grandes superficies comerciais na cidade da Coruña e pola falta de apoio do goberno local que ten aparcados proxectos fundamentais como o centro comercial aberto polo que apostara o BNG no seu momento”, criticou a portavoz nacionalista.

“Apostar pola identidade, por produtos propios de calidade e polo emprego da nosa lingua pensamos que é fundamental para conseguir reverter o actual consumismo acrítico e fomentar tamén un consumo responsábel”, concluíu.

As nacionalistas repartiran gratuitamente colantes en galego para os agasallos de nadal así como uns dípticos onde explican as súas propostas.