Presentación en Betanzos das 'Bases democráticas para unha nova Galiza'

Presentación en Betanzos das 'Bases democráticas para unha nova Galiza'

Betanzos, 22 de novembro de 2017. O BNG celebrará mañá en Betanzos un acto de presentación da súa proposta de Bases democráticas para unha nova Galiza, con Olaia Ledo da executiva nacional do BNG e o portavoz do BNG de Betanzos Henrique del Río . O acto no que o grupo nacionalista pide dar “un paso adiante” terá lugar na libraría Biblos a partir das 20 h.

“Perante as circunstancias políticas que vivimos, o pobo galego debe ser consciente da necesidade de se preocupar e de se responsabilizar de si mesmo. Só así teremos futuro e solucionaremos os graves problemas que nos afectan”, explicou a responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López. “As Bases Democráticas para unha Nova Galiza son unha proposta do BNG pensada para o contraste e o debate social con todos os axentes políticos, sociais e económicos do país. A Galiza que queremos é necesario definila colectivamente, desde a suma de ideas e a unidade de vontades para construír un país mellor.

“40 anos despois da Constitución e do Estatuto, o normal é poder facer balance e abrir o debate sobre que modelo de sociedade galega queremos hoxe e que pasos temos que dar para conseguila”, engadiu a responsábel nacionalista, “trátase de garantirmos que imos ter capacidade real para poñer en marcha políticas capaces de dar volta á realidade actual e construír unha Galiza mellor”.