ANA MIRANDA PARTICIPOU NUN ENCONTRO CON PRODUTORES DA COMARCA PARA RECOLLER AS SÚAS DEMANDAS DE CARA Á APROBACIÓN DA NOVA POLÍTICA AGRARIA COMÚN (PAC). 

Poremos en marcha un centro de transformación agropecuaria comarcal para crear valor engadido

Ana Miranda participou nun encontro con produtores da comarca para recoller as súas demandas de cara á aprobación da nova Política Agraria Común (PAC). 

Poremos en marcha un centro de transformación agropecuaria comarcal para crear valor engadido

Ana Miranda participou nun encontro con produtores da comarca para recoller as súas demandas de cara á aprobación da nova Política Agraria Común (PAC). 

Betanzos, 16 de maio de 2019. O BNG comprometeu a posta en marcha dun centro de transformación agropecuario de carácter comarcal para xenerar valor engadido á producción agrogandeira das Mariñas. Nun encontro con representantes dos sectores produtivos, as nacionalistas puxeron en valor esta proposta destinada a “xenerar postos de traballo e riqueza na comarca a partir do enorme potencial que temos”.

“Se temos o ferrado máis pequeno do país é precisamente porque temos a mellor terra do país e temos que facer diso unha oportunidade de futuro”, explicou o candidato nacionalista en Betanzos, Henrique del Río. Desde o BNG avogan por garantir terra agraria para quen queira producir.

“Nun momento no que o mercado demanda variedades diferentes, sabores orixinais e produtos distintos temos que tirar partido de vivirmos nunha comarca que ten máis de media ducia de variedades autóctonas de horta” engadiu o nacionalista. “E garantir a conservación do solo agrario para horta e para dar maior dimensión á producción do Viño de Betanzos”, engadiu.

As nacionalistas desgranaron outras propostas como poñer en funcionamento feiras de produtos ecoloxicos e de proximidades nos distintos concellos da comarca e apoiar ás pequenas empresas produtoras. “Hai que ordenar o territorio e tender a un aproveitamento multifuncional do monte”, explicou a eurodeputada e candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda.

Os problemas dos produtores de horta coa Política Agraria Común (PAC)

Ana Miranda explicou a postura do BNG diante da nova Política Agraria Común. “O BNG non pode dar o seu apoio a un documento que esquece aos agricultores galegos e só atende aos grandes terratenentes”, destacou Ana Miranda- “O BNG ten que estar alí, porque se vai aprobar definitivamente na vindeira lexislatura, e se queremos defender ao sector, ten que haber unha voz galega, libre e sen tutelas” engadiu.

A dicir da candidata do BNG, este modelo só servirá “para perpetuar un modelo agrícola insostible, que fai desaparecer explotacións agrícolas no noso país e que non atende as súas necesidades”. Critica asemade que o novo documento non contemple a posta en marcha de medidas que respecten a biodiversidade e garantan a protección do medio ambiente, que beneficien a Galiza, pois o modelo de agricultura que se apoiou hoxe dende a Eurocámara provoca o avance do impacto do cambio climático.
Por outro lado, segundo Ana Miranda, a reforma da PAC non beneficia a pequenos e medianos produtores, a inmensa maioría dos produtores galegos, xa que gran parte dos fondos da PAC se destinan “ás grandes explotacións e a quen ten a terra sen traballala”. Esta distribución de fondos, ao seu xuízo, “perpetúa as desigualdades, producindo enormes desequilibrios e prexudican enormemente á agricultura galega”.