Caída do gasto e a falta de crédito para demandas históricas nos orzamentos do Estado para As Mariñas

novo consello das mariñas

O BNG criticou hoxe a caída do gasto dos orzamentos e do Estado nos concellos da comarca das Mariñas así como a falta de crédito para demandas históricas. 

Os nacionalistas criticaron o insuficiente orzamento para melloras na seguridade viaria na N-VI en Coirós onde hai escasas dúas semanas o Ministerio prometía un investimento de máis de 600 mil euros no cruce de Queirís, sen que este investimento teña agora reflexo na proposta de orzamento

Non hai partida ningunha reservada para a rexeneración ecolóxica da Ría de Betanzos nin para combater as inundacións no barrio da Ribeira en Betanzos

Caída do gasto e a falta de crédito para demandas históricas nos orzamentos do Estado para As Mariñas

Betanzos, 4 de abril de 2018. O BNG criticou hoxe a caída do gasto dos orzamentos e do Estado nos concellos da comarca das Mariñas así como a falta de crédito para demandas históricas. “Os únicos investimentos que recolle o proxecto de orzamentos son 400 mil euros para o by-pass ferroviario en Betanzos que este sería o 3º ano que se recolle nos orzamentos do estado -hai 2 cuns máis que modestos 50 mil euros e o ano pasado con outros 400 mil- sen que nunca se chegase a executar. Recóllense tamén 4 millóns de euros para soterrar as vias en Oza dos Ríos e outros 3,5 millóns para a rotonda no cruce de Guísamo coa estrada de Ferrol, que acaba de ser licitada por 1,1 millóns”, explicou a responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López.

“Non hai partida ningunha reservada para a rexeneración ecolóxica da Ría de Betanzos, que se recollera nas contas no 2012 pero nunca chegou a executarse. A Ría está nunha situación moi preocupante en canto á calidade da auga e a situación ambiental sen que a Xunta nin o Estado comprometan ano tras ano un só euro para solucionar esta situación. É imprescindíbel comprometer cartos públicos no saneamento integral e nunha rexeneración ecolóxica da Ría de Betanzos”, explicou a responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López.

Os orzamentos do Estado tampouco recollen partida para adoptar medidas que minimicen as inundacións no barrio da Ribeira en Betanzos. “Polo que nos trasladaron os veciños e veciñas, que se limpase a canle do río podería mellorar bastante a situación e non se trata dunha actuación demasiado custosa”, explicou a voceira nacionalista. “Ademais sabemos xa hai algún proxecto redactado desde hai anos con posíbeis solucións para a Ribeira, que entendemos que se debera valorar economicamente e comezar a executar para dar solución a un problema que afecta a veciñanza deste barrio varias veces no ano” engadiu.

Os nacionalistas criticaron o insuficiente orzamento para melloras na seguridade viaria na N-VI en Coirós onde hai escasas dúas semanas o Ministerio prometía un investimento de máis de 600 mil euros no cruce de Queirís, sen que este investimento teña agora reflexo na proposta de orzamento.

Tampouco hai melloras na seguridade viaria N-651 nos barrios betanceiros da Ribeira e a Ponte Vella nin na N VI ao seu paso pola Angustia ou en Aranga. “Aínda que o goberno local anunciou que o Ministerio construirá unha rotonda en Guísamo, seguimos botando en falta outras medidas  como unha pasarela peonil no Espiritu Santo ou medidas para garantir a seguridade na Castellana en Aranga ou no cruce de Queirís que despois de tantas promesas as últimas hai escasas semanas seguimos sen ver recollidas no orzamento” abundou López.

Sen tren de proximidades

“As contas xerais certifican o abandono do xa célebre estudo para a implantación do tren de proximidade, unha partida que se pospón ano tras ano e que para o 2018 non contará sequera con dotación orzamentaria”, concluíu López. Desde o BNG lamentan que o Ministerio de Fomento evite deste xeito buscar alternativas á mobilidade no interior da comarca e entre a cidade de Betanzos e as da Coruña e Ferrol. “Nin se garante a seguridade viaria nas estradas nin se ofrecen alternativas”, conclúen.

Caída do gasto e a falta de crédito para demandas históricas nos orzamentos do Estado para As Mariñas