Cristina López, elixida nova responsábel do BNG das Mariñas

Novo Consello das Mariñas
Cristina López, elixida nova responsábel do BNG das Mariñas

“A crise vale de escusa para todo con tal de ir contra as maiorías sociais: desde desmantelar o tren na comarca a recortar os servizos sanitarios ou o ensino”.

Betanzos, 5 de abril de 2013. Cristina López Sánchez electa nova responsábel do BNG das Mariñas logo da asemblea celebrada na tarde de onte, encabezando a candidatura proposta polo consello comarcal saínte foi elixida por unanimidade.

Licenciada en Humanidades e empregada da administración autonómica, Cristina López foi membro do Consello Comarcal e coordinadora das campañas electorais do BNG nas Mariñas. Substitúe así a Pura Ferreño, que cumpriu como responsábel comarcal o período máximo que permiten os Estatutos do BNG.

O novo consello comarcal composto por persoas que conxugan unha dilatada experiencia nos movemento sociais e institucionais, recolle a pluralidade da organización así como cambios xeracionais coa participación de xente moza.

Acompañan a Cristina López, Henrique del Río (Betanzos), Estefanía Busto (Oza dos Ríos), David Carro (Bergondo), Xabier Seixo (Bergondo), Marcos Abalde (Miño), Henrique Abraira (Miño), Vanesa Deibe (Aranga), Miguel R. Carnota (Paderne) e Pura Ferreño (Coirós e anterior responsábel comarcal). Como suplentes figuran Paulo Filgueiras (Miño), Andrés Otero Martínez (Betanzos) e María Otero (Betanzos). A esta listaxe, cun marcado carácter renovador, sumaranse os responsábeis locais que sexan electos no proceso asemblear aberto e o representante comarcal de Galiza Nova.

Dentro deste proceso de renovación dos órganos de dirección, a nova responsábel fixo referencia ás liñas básicas de traballo, orientadas á defensa dos intereses da maioría social: “A crise vale de escusa para todo con tal de ir contra as maiorías sociais: desde desmantelar o tren na comarca a recortar os servizos sanitarios ou o ensino”, denunciou.

A nova responsábel comarcal do BNG comprometeuse a traballar “para que a conciencia nacionalista e de esquerda sexa hexemónica nas Mariñas e en Galiza” e apelou a superar o marco actual. “Non imos baixar os brazos na defensa da maioría social e na construción da alternativa que ilusione o noso pobo”, indicou.

Cristina López, elixida nova responsábel do BNG das Mariñas